O CPEIG presenta a terceira entrega do seu Premio ao Proxecto Fin de Carreira, dotado con 1.000 euros

martes, 2 de outubro do 2012 Redacción

Recoñecer o importante traballo dos futuros informáticos galegos e facer que ese traballo se vexa. Este é un dos grandes obxectivos do Premio Proxecto Fin de Carreira, un certame que vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e que chega á súa terceira edición achegando un premio en metálico, para a gañadora ou gañador, de 1.000 euros. Segundo explica o propio Colexio, estamos ante un galardón dirixido a estudantes de Enxeñaría en Informática que rematasen os seus estudos en Galicia nos últimos dous anos.
Todos aqueles/as estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG deberán remitir os seus proxectos antes do día 31 de outubro ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.org. Unha comisión experta, integrada por docentes universitarios e representantes do CPEIG, valorará os traballos recibidos e seleccionará o gañador.
Mediante o galardón, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática.
Lembrar que o premio convocado polo CPEIG insírese nos Premios da Cuarta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará o día 23 de novembro, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Este evento anual representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.

PUBLICIDADE