O CPEIG pide o cese do actual equipo da Secretaría do Estado de Telecomunicacións

luns, 30 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

En cuestión de redes e uso das mesmas a todos os niveis, por motivos do máis variado, España está lonxe de ocupar un posto de primeira liña. De feito, é neste eido da penetración da Sociedade do Coñecemento onde (xunto coa Investigación e o Desenvolvemento) o país entra máis de cheo onde por pulo produtivo menos lle corresponde, coma se dunha materia eternamente arrastrada dun curso a outro se tratase. Esta situación é visible para todos os sectores da sociedade, pero hai un sector que se cadra ten un punto de vista máis amplo: o dos enxeñeiros en informática. Para a representación galega deste tecido profesional, o CPEIG, non é lóxico que o país estea no ranking europeo de penetración tecnolóxica ao nivel de Chipre ou Lituania, por citar algúns. Estes e outros datos preocupantes, sinala o CPEIG, figuran no Informe Global sobre Tecnoloxías da Información 2008-09 que vén de presentar hai pouco o Foro Económico Mundial. As conclusións deste estudo, informa o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, son demoledoras e deberían ter consecuencias inmediatas nas instancias do Goberno con competencias directas na materia. Máis concretamente, para o CPEIG é a hora de pedir a renovación total da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, órgano que arestora dirixe Francisco Ros.
Estes son algúns dos argumentos que o Colexio extrae do devandito informe:
• España ocupa o posto 34 dunha listaxe de 134 países no índice de adaptación TIC elaborado polo Foro Económico Mundial.
• Descende 2 postos nos dous últimos anos e 8 postos desde a súa primeira aparición no informe 2001/2002.
• O informe plasma o rotundo fracaso das políticas españolas en materia TIC.
• España ocupa a posición 96 no ránking de éxito do Goberno en promoción das TIC.
• Ocupa a posición 84 no índice sobre a prioridade das TIC para os gobernos.
• Ten a posición 40 nos índices que miden a dispoñibilidade de servizos do goberno en liña e a eficiencia dos gobernos no uso das TIC.
Con todo, a información a todas luces negativa que o CPEIG tira do traballo do Foro Económico Mundial semella que atopa eco nun recente estudo levado a cabo por Eurostat no que se sinala un retraso de España no uso da Rede na Europa dos 27. Asemade, podemos atopar datos e estudos semellantes no traballo que The Economist Inteligence Unit vén de elaborar sobre competitividade TIC e que sitúa ao país no posto 23 dun total de 66. “Todos estes informes”, indica o Colexio galego, “salientan a evidencia que o actual equipo da Secretaría de Estado de Telecomunicación (SETSI) se nega a recoñecer, baixo a consigna de que os ditos informes non son exactos nas súas medicións (aínda que si unánimes nas súas conclusións): o feito de que España está perdendo o tren das novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE