O CPEIG participará con xornadas e obradoiros na Mobile Week Coruña

venres, 26 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de informar da súa participación activa na programación da Mobile Week Coruña, sen dúbida o evento galego e estatal máis importante de cantos acontecementos tecnolóxico-dixitais se desenvolven esta tempada. Na cita, que se desenvolve entre os días 21 ao 28 de novembro en diferentes emprazamentos da Coruña (e tamén en Santiago), o CPEIG ofrecerá dúas xornadas do programa Navega con rumbo, destinado a alumnado, docentes e familias.
Celebraranse o venres, 24 de outubro, ás 11:00 horas e ás 17:00 horas en ExpoCoruña. Segundo lembra o CPEIG, o devandito programa de seu está encamiñado directamente aos escolares para guialos cara unha navegación segura, responsábel e útil en internet e, deste xeito, “previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso”. Amais, Navega con rumbo busca facer comunidade coas nais, pais e profesores arredor das recomendacións precisas e que, a súa vez, actúen como correa de transmisión.
Por outra banda, o Colexio organizará ao abeiro de Mobile Week Coruña un obradoiro sobre o pilotaxe de drons para nenos e nenas, o venres 24 de novembro, ás 16:00 horas en ExpoCoruña. E finalmente, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a experta en seguridade en Internet e membro da xunta directiva do CPEIG, Pilar Vila Abendaño, participarán na mesa de debate sobre Ética e tecnoloxía, o venres, 24 de novembro, no Paraninfo da Universidade da Coruña.
Máis detalles sobre o evento
A primeira convocatoria de Mobile Week Coruña está organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona (involucrada na organización do Mobile World Congress). Inclúe distintos actos de carácter transversal, de balde e para todos os públicos, e que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos entre o termo municipal, a Área Metropolitana e a propia Compostela, na Cidade da Cultura. Haberá relatorios, mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, obradoiros e xornadas infantís, entre outras accións.
A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS (un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas), mWeek LAB (demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia), mWeek KIDS (actividades para toda a familia) e, por último, mWeek GALLERY (un programa cultural paralelo organizado en colaboración con entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas).

PUBLICIDADE