O CPEIG participa en dous actos académico-formativos na ESEI de Ourense
xoves, 11 de setembro do 2014
O Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) está
estes días participando en varias actividades relacionadas coa
formación e o ámbito TI. Sen ir máis lonxe, o seu presidente
Fernando Suárez asistiu este mércores día 10, en representación
das persoas colexiadas, á xornada de acollida prevista pola Escola
Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo,
no Campus de Ourense, dirixida ao alumnado. O acto tivo lugar no
Salón Marie Curie do Edificio Politécnico a partir das 10.30 horas.
Por outra banda, o colexio tamén anunciou que vai participar este
xoves nunha mesa redonda sobre profesións informáticas.
Volvendo ao primeiro
dos actos, a xornada de acollida na ESEI de Ourense, dicir que logo
das presentacións e as benvidas, incluíu a presentación
propiamente dita do equipo directivo e o desenvolvemento dunha
exposición sobre o grao de Enxeñaría Informática e da
comunicación do Plan de Acción Territorial, entre outros puntos.
Segundo nos contan fontes do CPEIG, na cita tamén se lle amosaron ás
alumnas e aos alumnos, a través dunha presentación, todos os
servizos que lles ofrecen o Campus de Ourense.
No que se refire á
mesa redonda, dicir que se vai celebrar este xoves e que está
prevista a participación na mesma dun representante do colexio. A
cita desenvolverase baixo o epígrafe As profesións informáticas
e o papel dos colexios profesionais, e nela tamén participará o
presidente do CPETIG. O encontro levarase a cabo igualmente no Salón
Marie Curie do Edificio politécnico, a partir das 10.00 horas.
Segundo informa a entidade profesional galega, a súa concorrencia
nestes e outros actos académicos diríxese en boa medida “a dar
visibilidade ao seu labor, non só ante os profesionais do eido TI,
senón tamén entre os estudantes, e todo co fin de divulgar a
importancia da colexiación entre os novos profesionais e
informarlles dos beneficios de pertencer ao CPEIG”.