O CPEIG organiza un par de obradoiros para cativos dentro de Mundos Digitales

xoves, 29 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Out of the Box non será a única xornada aberta ao público non profesional do congreso internacional de animación, efectos especiais visuais, realidade virtual, videoxogos e arquitectura Mundos Digitales, senón que o sábado 8 de 12:00 a 14:00 horas tamén terán un par de actividades de balde para público infantil que desenvolverase grazas á colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e nas que é preciso inscribirse en liña para poder participar.
A primeira actividade será un obradoiro ao redor do videoxogo Clash Royale, título móbil que está a ter un éxito impresionante, converténdose nun digno sucesor de Clash of Clans; mentres que os afeccionados a Minecraft poderán gozar co deseño de mapas, a creación de mods e a iniciación na linguaxe Lua. As prazas están limitadas a 15 participantes de entre 8 e 12 anos que deberán levar o seu propio ordenador portátil.
A segunda actividade tamén precisará de ordenador portátil e estará limitado a 15 prazas para cativos de entre 9 e 13 anos, centrándose a actividade na construción dun robot LEGO Mindstorm, co que experimentar programando movementos básicos para que se desprace e supere obstáculos.
O mesmo sábado pola tarde tamén se desenvolverá unha charla de Javier Pedreira Wicho na Sala HP Dreamcolor de 17:00 a 18:00 horas con entrada libre (e aforo limitado) que baixo o título de Nativos dixitais nos Mundos Dixitais procurará desbotar unha vez máis o mito de que os novos son competentes no uso da tecnoloxía por ter medrado rodeado dela, buscando instar a pais, políticos e educadores a esforzarse para axudar ás novas xeracións a formarse no uso das TIC.

PUBLICIDADE