O CPEIG organiza o 26 unha xornada sobre a realidade actual da sinatura electrónica

luns, 17 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez

Para que os servizos de Administración Electrónica se estendan entre os internautas, e para que de verdade lle podamos tirar partido á Internet (en termos xenéricos e a tódolos niveis), cómpre fomentar o uso da sinatura dixital e informar polo miúdo das vantaxes e das características que pon en xogo. Este é un dos obxectivos da xornada que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coa Xunta, a xornada Construíndo a Identidade Dixital. A actividade, que busca reunir a un “amplo número de especialistas para abordar a cuestión da sinatura dixital dende diferentes puntos de vista”, celébrase o vindeiro 26 de xaneiro na Escola Galega da Administración Pública, en Santiago.

Máis polo miúdo, e co fin de garantir ao máximo este obxectivo de pluralidade, o evento contará con profesionais de servizos dixitais, da Administración Electrónica, da certificación dixital e da seguridade en liña, entre outros eidos de actividade.

Para o acto de apertura da xornada, fará acto de presenza na mesma a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, acompañada do presidente do Colexio galego, Fernando Suárez Lorenzo. Asemade, intervirá na apertura do encontro Pablo Figueroa, director da Escola de Administración Pública.

Amais de relatorios e mesas redondas, o programa dará acubillo á presentación de Construíndo a Identidade Dixital, Situación da sinatura electrónica e das entidades da certificación, un libro que poderemos ver publicado no portal do CPEIG a partir do día 25 e que escolma unha boa parte dos estudos sobre certificacións en liña desenvolvidos polos relatores presentes na xornada.

As persoas interesadas en asistiren á xornada deberán inscribirse no formulario dispoñible no portal do CPEIG. O prazo de inscrición remata o vindeiro día 24. A asistencia á xornada non supón ningún custo económico.

PUBLICIDADE