O CPEIG ofrece dúas bolsas para o Máster en Sociedade da Información da USC

mércores, 8 de outubro do 2014 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de convocar dúas bolsas para o Máster On-line en Sociedade da Información e do Coñecemento da USC 2014-2015. Con esta achega de incentivos, que se insire no compromiso da entidade que preside Fernando Suárez a prol da formación e especialización dos profesionais da informática, o CPEIG manterá aberto o prazo para a recepción de solicitudes até o 30 de decembro. Quen estea interesado en acceder a estas axudas para o máster, que vai pola súa sétima edición, terá que enviar unha carta-solicitude ao presidente do CPEIG (presidente@cpeig.org) xuntando, entre outros documentos, o seu currículo.
Como lembraremos, o máster está dirixido polo profesor-investigador Carlos Ferrás e entre os seus obxectivos está o de favorecer unha formación TI avanzada con potencial de actuación positiva sobre os múltiples elementos da contorna do estudante-profesional. Dito doutro xeito: a organización do máster busca con esta actividade favorecer unha estreita colaboración entre persoas de diferentes formacións para procurar meirande inclusión social e desenvolvemento económico dos nosos territorios, “poñendo en valor os fluxos de comunicación e coñecemento entre o urbano e o rural e entre as rexións periféricas e as centrais”. Segundo informan a organización, “os alumnos deben ser conscientes da importancia que teñen as TIC na sociedade actual, converténdose en ferramentas estratéxicas capaces de desenvolver social, cultural e economicamente unha cidade, concello, país ou territorio en xeral”.
O máster, reflicte o CPEIG, permite ao alumnado obter unha formación cualificada para o deseño e xestión avanzada de páxinas web, produción de recursos multimedia de vídeo, son e fotografía dixital, así coma o contacto co mundo laboral, coa opción de poder realizar estancias de prácticas en diversas empresas, institucións ou grupos de investigación como, entre outros: a Fundación CEER Galicia-Norte de Portugal, Uninova, Idega, Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Feiraco, Granxafamiliar, Galicia Autentica, Agalip, ADAF, Cief-Caixa Galicia, Asociación Ibérica de Sistemas y Tecnologías de la Información, CITA-Fundación Germán Sánchez Ruipérez, Tecendo Redes, Mmasa Arquitectos, Cáritas e Concellos de Santiago de Compostela e Brión.

PUBLICIDADE