O CPEIG imparte no CHUS un obradoiro de robótica para os nenos hospitalizados

mércores, 2 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A formación tecnolóxica dos nosos profesionais non cesa co novo ano, máis ben amplifícase e vólvese aínda máis solidaria. Co obxectivo de xerar vocacións entre as novas xeracións e, tamén, de achegar lecer, novos horizontes, divertimento e oportunidades para quen nestas datas máis precisa deles e delas, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartirá este 3 de xaneiro un obradoiro de robótica e pilotaxe de drons no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). A cita, dirixa ás nenas e nenos hospitalizados, desenvolverase de 11:00 a 13:00 horas.
A xornada insírese na estratexia de compromiso do CPEIG co fomento do talento dixital dos nenos e nenas de toda Galicia. “O taller”, sinala o colexio que preside Fernando Suárez, é “unha oportunidade para achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñaría en informática”. A xornada estará impartida polo enxeñeiro en Informática Manuel Montesinos Miguélez e o enxeñeiro de Obra Civil Telmo López López. Segundo avanza o propio Montesinos facendo referencia ao miolo temático da actividade e a súa finalidade, “os máis pequenos poñerán en práctica o seu talento dixital, desenvolvendo competencias persoais como a creatividade e o interese pola ciencia e a tecnoloxía”. Por outra banda, a actividade tamén servirá de xerme para que a rapazada participante poida experimentar novas calidades e comece a interesarse polas novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE