O CPEIG fórmanos en datos persoais nun curso da EGAP

venres, 14 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, vai participar actividade no curso monográfico Protección de datos e ciberseguridade, que vén da man da Escola Galega de Administración Pública. E farao o mércores 19, nun relatorio, achegando novos conceptos e recursos de valor sobre datos persoais e protección en liña. O curso desenvolverase os días 18 e 19 de decembro na sede da EGAP en Compostela. Fernando Suárez, ademais, será o encargado da dirección académica da actividade formativa.
O obradoiro ten como obxecto principal afondar na normativa relacionada coa protección de datos de carácter persoal e a ciberseguridade desde un punto de vista teórico-práctico, “sinalando as novidades existentes e dando conta dos puntos máis esenciais e característicos da súa aplicación na Administración Pública e, en particular, no ámbito do sistema universitario”. En última instancia, búscase botar luz sobre o funcionamento e aplicación da normativa, dando resposta aos posíbeis conflitos e dúbidas que poidan xurdir do seu seguimento.

PUBLICIDADE