O CPEIG e o Instituto de Formación Financeira e Empresarial achegarán formación de xeito conxunto

xoves, 16 de abril do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática e o Instituto de Formación Financeira e Empresarial (IFFE Busines School) veñen de formalizar un acordo de colaboración para o desenvolvemento conxunto de actividades formativas. O obxectivo é dar forma a unha contorna estábel e flexíbel de traballo en mancomún coa finalidade de achegar un extra de coñecemento e amplitude ás accións levadas a cabo polas dúas entidades. O acordo, sinala o CPEIG, inclúe unha bonificación do 10 por cento para as persoas colexiadas no colexio profesional galego nos produtos formativos de IFFE Busines School, agás acordo específico doutra porcentaxe en función do produto.
Ademais, establece o compromiso de colaboración na organización de conferencias, coloquios, seminarios e outras actividades educativas, e de deseño e desenvolvemento conxunto de accións formativas e de consultaría e asesoramento. IFFE Busines School comprométese tamén á cesión de espazos para a organización de actividades conxuntas e o CPEIG, pola súa banda, á difusión destas accións a través das súas canles de comunicación. Asemade, no marco deste acordo, poderá subscribirse un convenio específico para desenvolvemento dun programa de prácticas formativas.

PUBLICIDADE