O CPEIG e a Xunta elixen gañadores da VII edición do Concurso Literario sobre a Protección de Datos

mércores, 10 de maio do 2023 S. P.

O VII Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección de Datos 2023 xa ten gañadores. O dito concurso, convocado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades elixían ao gañador na categoría da ESO sendo premiado Álvaro López Mosquera, alumno que cursa 4º da ESO no Colexio de Fomento Peñarredonda da Coruña. Foi galardoado por un relato titulado A importancia da protección de datos, que se presentou baixo o pseudónimo Lopimosq.
Neste traballo Álvaro explica de maneira sinxela, pero moi directa e mesmo profesional, o concepto de protección de datos e as medidas que existen actualmente para garantir a protección dos datos persoais, mesmo facendo referencia á lexislación vixente, un texto moi profesional e ben argumentado.
Na categoría de Primaria, o premio foi para Lucía Rodríguez Pérez, do curso de 6º de Primaria do CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo, na provincia de Ourense. Presentou baixo o alcume Luro un traballo titulado O camiño descoñecido. Lucía narra unha historia dunha rapaza que rematando o curso escolar pérdese de camiño á casa, e asustada e sen batería no móbil atópase cunha muller distinguida que se presta a axudala, pero a cambio dos seus datos persoais. Finalmente, a nena chegou sa e salva á súa casa e cóntalle o acontecido a súa nai, que axiña denuncia o caso. Esta redacción metafórica representa que non se debe facer cos datos persoais, e como proceder en caso de perigo.
Os dous gañadores recibirán unha tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula.
Tamén o CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo recibe o recoñecemento especial do certame ao ser o centro que máis traballos presentou.
O certame ten como finalidade que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de achegarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.

PUBLICIDADE