O CPEIG e a ESEI de Ourense celebran este sábado a Hora do Código

martes, 15 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Este sábado día 19 de xaneiro o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (ESEI) van xuntar forzas, novamente, para pór de relevo a importancia de familiarizarnos coa programación dende idades temperás: unhas prácticas e uns coñecementos que nos serán de gran utilidade para calquera eido profesional polo que optemos. Esta mensaxe será o leit motiv da Hora do Código, unha celebración internacional impulsada pola entidade Code.org e que na nosa terra ten un dos seus principais (e históricos) valedores no CPEIG.
A xornada conmemorativa do sábado dará acubillo a un conxunto de actividades e obradoiros dirixidos a nenas e nenos de entre 6 e 18 anos. O obxecto é achegar á rapazada “dunha forma lúdica e divertida á programación”, á tecnoloxía de impresión en 3D e á programación de pequenos dispositivos.
As actividades, que son totalmente gratuítas, desenvolveranse a longo do día (nas aulas da ESEI (Edificio Politécnico, Campus de Ourense). Toda a información sobre o evento e inscrición está dispoñíbel na web: http://horadocodigo2019.eventbrite.es/.
Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explica o CPEIG.
A Hora do Código está promovida internacionalmente, desde o ano 2013, pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org, para quen non o saiba, é un organismo público adicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación aberta.

PUBLICIDADE