O CPEIG e Igualdade achegaron formación TIC a 150 mulleres galegas

luns, 23 de decembro do 2013 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis a Secretaría Xeral de Igualdade veñen de colaborar na formación en novas tecnoloxías dixitais de150 mulleres galegas a través do Programa Rede-Emprende en Igualdade. Esta iniciativa, informan os responsábeis da mesma, achegou xa actividades de asesoramento e apoio para mulleres emprendedoras ou que se atopan arestora na procura dunha saída profesional. Polo tanto, o obxectivo foi impulsar as vertentes tecnolóxicas das súas iniciativas e/ou currículos.
As colexiadas e colexiados do CPEIG foron os encargados de impartir como expertas/os na materia formación e asesoramento en varios aspectos: iniciación a Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; novas tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de experiencias.
O cursos remataron o pasado día 20 de decembro e tiveron unha duración de 20 horas, cun máximo de 20 alumnas en cada edición, e desenvolvéronse nas aulas existentes nos propios concellos ou a través da rede de aulas CEMIT. Nesta primeira edición piloto formouse a mulleres de Guitiriz, Quiroga, Leiro, Xunqueira de Ambía, Valga, Vedra, Abegondo, Porto do Son, Tui, A Cañiza e O Carballiño.

PUBLICIDADE