O CPEIG e Fisela organizan este venres en Santiago unha xornada a xestión de traballadores no estranxeiro

xoves, 26 de outubro do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Fisela Asesoría e Servizos Xurídicos organizan mañá venres, 27 de outubro, a xornada Mobilidade internacional de traballadores: as claves da súa xestión. A actividade celebrarase de 8:45 a 14:00 horas no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago, inaugurada ao inicio polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, e o director xeral de Fisela, Óscar Rodríguez Mallo.
Nun plano máis detalle, a xornada centrarase en coñecer os aspectos máis importantes e prácticos nos que deben reparar aquelas empresas que presenten esta casuística da mobilidade internacional de traballadores.
Segundo informou o CPEIG, contarase con grandes profesionais expertos na materia que falarán de formalidades, procedementos e prazos requiridos para os desprazamentos internacionais, tanto a nivel de empresa como de traballador, analizando cuestións laborais como o concepto de nómina espello ou shadow payroll, cuestións relacionadas coa Seguridade Social, cuestións tributarias, e axudas e subvencións públicas.
A maxistrada-xuíza do Xulgado do Social nº 2 de Santiago, Carolina Nores, analizará as cuestións laborais na xestión de traballadores no estranxeiro; o xefe da área de Inscrición e Afiliación da Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social da Coruña, Xesús A. Couceiro, e o director Territorial de Ibermutua, Javier Flórez, falarán da abordaxe dos traballadores desprazados en materia de Seguridade Social; a xefa rexional adxunta de Gestión Tributaria da Axencia Tributaria, Eva Palacios, dará as claves tributarias na xestión de traballadores no estranxeiro; e a subdirectora Xeral de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Laura María González-Dopeso, que ofrecerá información sobre as axudas e subvencións para empresas que fomenten a mobilidade internacional de traballadores.

PUBLICIDADE