O CPEIG convoca uns encontros para avaliar colectivamente os beneficios que nos achega a Administración Electrónica

mércores, 2 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Fálase moito nos medios da chegada inminente da Administración Electrónica, o que quere dicir dúas cousas: que por unha banda non chegou aínda, aínda que está preto xa, e que pola outra farao de súpeto cambiándoo todo, incluído o noso xeito de relacionármonos coas institucións. Pois ben, nin é verdade que non chegase aínda nin tampouco é certo que o vaia facer da noite á mañá. Temos ao noso alcance, xa, múltiples opcións de tirarlle partido e ademais, aínda están moitas por vir. A liña de evolución pérdese no horizonte pero podemos ir avaliando o que temos ao noso alcance e algo máis alá. Este é un dos grandes obxectivos das xornadas Administración electrónica, Sede, Goberno e Contratación que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, os días 8, 9 e 10 de maio en Santiago de Compostela.
O evento, promovido en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), contará tamén co apoio da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o centro de Estudos Cooperativos da Universidade de Santiago (USC). En palabras do CPEIG, as xornadas servirá para afondar nos avances sociais e administrativos ao abeiro do mundo dixital, facendo especial fincapé nas vantaxes que pon en xogo este novo contorno administrativo para as propias administracións (menos carga de traballo, máis eficacia, máis aforro de papel, máis posibilidades de traballar a distancia) e para a cidadanía (comunicación as 24 horas coas institucións, supresión da necesidade de facer desprazamentos, seguridade e comodidade, etc).
O acceso ás xornadas é libre, aínda que as persoas que requiran o diploma acreditativo cómpre que se inscriban antes do día 7 de maio por correo electrónico ou persoalmente na Facultade de Económicas e Empresariais.
Precisamente será a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC a que acolla as charlas, que impartirán, entre outros, o subdirector xeral de Inspección de Datos da Agencia Española de Protección de Datos, José López Calvo; o catedrático de Dereito Informático de ICADE, Miguel Ángel Davara; Carlos Guadián Orta, de Autoritas Consulting e Juan Alberto Ramos Cano, responsable de Contidos Dixitais de Telefónica. Como expertos galegos, intervirán María José García Sexto e Carlos Froján Gómez, da AMTEGA; o avogado Víctor Salgado; o profesor de Dereito Mercantil Rafael Millán Calenti; Martín Gómez, xerente de Bahía Software, e Benito Carballo, xerente de Proxectos de Altia.
As xornadas, como dixemos, servirán para debater acerca dos avances que a Administración Electrónica, ao abeiro dos progresos do mundo dixital, permite non só para a propia administración, senón tamén para a cidadanía. As sesións enfocaranse desde tres puntos de vista: a sede, o goberno e a contratación electrónicos.

PUBLICIDADE