O CPEIG convoca o 16 de xuño ao noso tecido TI para debater sobre ciberseguridade

venres, 10 de xuño do 2016 Redacción

O vindeiro 16 de xuño o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai organizar un encontro para avaliar e impulsar na nosa terra metodoloxías para salvagardar datos ao abeiro das novas tecnoloxías. A primeira Xornada de Ciberseguridade en Galicia. Protexendo os nosos Activos contará cunha nutrida presenza de expertos nos devanditos recursos a prol dunhas redes máis seguras. O evento, patrocinado por Emetel e en cuxo desenvolvemento colabararán Abanca e Ackcent, busca atender unha “das principais preocupacións” de usuarios e administracións: afrontar o reto da seguridade e privacidade.
Segundo engade o CPEIG, a asistencia é aberta, previa inscrición no correo electrónico eventos@cpeig.gal e terá lugar no Centro Abanca Obra Social, na praza de Cervantes, en Santiago de Compostela. A xornada arrincará ás 10.00 horas cunha benvida institucional na que participarán o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; o director xeral de Emetel, Manuel Lago; e Roberto Baratta, Global Executive VP and director of Loss Prevention, Business Continuity and Security de Abanca.
A continuación, ofrecerase unha serie de relatorios a cargos dos seguintes expertos: Francisco García Morán, chief IT advisor da Comisión Europea; Daniel Fírvida, analista en seguridade TI do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE); e Gianluca D’Antonio, director de Seguridade da Información e Riscos Tecnolóxicos do ISMS, Asociación Española para o Fomento da Seguridade na Información.
Despois do descanso, celebrarase a mesa redonda Ciberseguridade, retos diante da nova ameaza, moderada por Roberto Baratta e na que intervirán Guillermo Llorente, subdirector xeral de Seguridade e Medio Ambiente de Mapfre; Román Ramírez, fundador de Roote, responsable de Seguridade en Arquitecturas, Sistemas e Servizos de Ferrovial; e Fernando Picatoste, responsábel de Prácticas en Seguridade de Deloitte España.
Ás 13 horas celebrarase nova mesa redonda baixo o epígrafe de As empresas galegas no novo contexto tecnolóxico, moderada por Domingo Olmos, xefe de Vendas de Ackcent e ex-presidente do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Cataluña (COEINF). Intervirán Andrés Tarascó, socio fundador de Tarlogic Security e director da área de Ciberseguridade, especialista en seguridade informática e hacking ético; Rafael Ave, director adxunto de Emetel; e Carlos Eloy López Blanco, xerente de Tecnoloxía e Contornos Colaborativos de Estrella Galicia. O peche da xornada está previsto ás 14 horas coa intervención de Domingo Olmos, Fernando Suárez, Roberto Baratta e Francisco García Morán.

PUBLICIDADE