O CPEIG convoca ao sector TIC galego para presentar a súa Historia da Informática en Galicia

luns, 4 de xullo do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai presentar este martes día 5 de xullo o resultado dunha exhaustiva investigación polo percorrido en Galicia do que coñecemos como informática, dende as orixes da nosa relación cos díxitos até este presente actual das TIC no que estamos a vivir, dominado polas posibilidades (amplas e, en parte, aínda por desvelar) de cousas como coñecemento inxente (Big Data), o cómputo avanzado e a Internet das Cousas. O traballo en cuestión, Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía, xurdiu baixo a coordinación de Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e membro da Xunta de Goberno do CPEIG, e polo presidente deste colexio, Fernando Suárez Lorenzo. Henrique Neira foi o responsábel da edición dos textos.
O acto de presentación, que estará presidido polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, desenvolverase a partir das 19.30 horas no auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, perante unha ampla representación académica, empresarial e profesional do noso sector das novas tecnoloxías da información.
A obra, sinala o CPEIG, é un primeiro achegamento á relación da nosa terra co coñecemento dixital, que o Colexio agarda ampliar no futuro. “É o primeiro produto dun proxecto máis amplo para recuperala e difundila”, explica a entidade que preside Fernando Suárez, engadindo que estamos ante unha cronoloxía de máis de 200 páxinas que ten entre os seus obxectivos amosar “que existe en Galicia desde hai séculos unha tradición de coñecementos de cálculos matemáticos e astronómicos; sistemas de numeración, de medida e de comunicación; construción, comercio e uso de aparellos de precisión como reloxos, autómatas e máquinas de calcular; estudo e produción de bibliografía científica; ensinanza e moitas profesións relacionadas”.
O prólogo do libro correu a cargo de Miguel Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega das Ciencias. Tamén conta cunha achega do presidente do CPEIG, a xeito de co-introdución. Mediante o libro, o Colexio quere “recoller e pór en coñecemento da sociedade casos de éxito nos que Galicia é todo un referente”.
O CPEIG, previamente á presentación oficial, agradeceu ás seguintes empresas e institucións a súa contribución como patrocinadores para que o libro –do que se editaron mil exemplares- sexa unha realidade: Altia, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Bahía Software, Cluster TIC de Galicia, Emetel, Epson, Everis, HPE-Intel, Indra, Oracle, Plexus, R, Telefónica, Vodafone e Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE