O CPEIG convida a Enrique Dans para falar sobre os novos escenarios tecnolóxicos

xoves, 9 de xuño do 2011 Raquel Noya

Dans participou na edición de 2010 do encontro profesional B-web

Mañá venres, 10 de xuño, o auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, vai dar acollida a un relatorio do profesor de Sistemas da Información en IE Business School, Enrique Dans, que chega á capital galega convidado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
A súa charla, que leva por título, Novos escenarios tecnolóxicos: poñéndonos as pilas, dará comezo a partir das 18:00 horas, e enmárcase no ciclo de charlas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional que o Colexio programou hai unhas semanas, no que xa participou o mediático Emilio Duró.
Dans, que posiblemente comparta espazo con Luis Huete (xa que está previsto que tamén interveña a vindeira semana), é doutor en Management, especialidade en Information Systems pola Universidade de California (UCLA), MBA polo IE Business School, licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, e cursou estudos postdoutorais en Harvard Business School.
As súas investigacións céntranse nos efectos das novas tecnoloxías en persoas e empresas, e servirán, nesta ocasión, para potenciar as aptitudes e actitudes que presentan perante o seu traballo os técnicos/as e executivos/as das empresas participantes.
As persoas interesadas en asistir á charla de Dans, poden adquirir as súas entradas na mesma porta do auditorio de Ciencias da Comunicación; mentres que para inscribirse para a conferencia de Huete, é necesario inscribirse a través do portal do CPEIG.

PUBLICIDADE