O CPEIG conmemora os seus dez anos de traballo coas principais entidades TIC da nosa terra

venres, 1 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en compaña das principais entidades TIC da nosa terra, fixo este 30 de novembro un repaso polo que deu deu de si a década comprendida entre 2007 e 2017, ou sexa, polos seus dez anos de vida. Na cita, un animado encontro participativo onde se escoitaron múltiples voces e puntos de vista, participaron arredor dun centenar de persoas. Celebrouse no salón de actos do Centro ABANCA da Praza de Cervantes de Santiago e foi conducido polo divulgador Manuel Vicente, quen se apoiou nunha parte importante dos asistentes (membros do CPEIG e doutras entidades TIC da nosa terra) para, primeiro, facer memoria do acontecido mundialmente (e xenericamente) ao longo destes dez anos, do ocorrido tecnoloxicamente (disto encargouse Pilar Vila, vogal do CPEIG) e do acontecido en relación ao colexio (tarefa encomendada a Fernando Suárez, presidente do CPEIG).
O devandito complementouse coa visión achegada por Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL); Alejandro Lamas, videpresidente do Clúster TIC de Galicia; Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais de AMTEGA; Frankie Gomez, responsábel de Lacon Network; Fernando Prieto, da empresa Gato Salvaje; Manuel González, presidente de Puntogal; Manuel Meijide, director de Mundos Dixitais; Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e tamén vogal do CPEIG; e José Ramón Méndez, profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial da UDC. Tamén interveu, entre outros, Arno Fornella, investigador e profesor da Escola de Enxeñaría Informática de Ourense (amais de membro do Laboratorio de Informática Aplicada e coordinador dos traballos de desenvolvemento e lanzamento do picosatélite galego XaTcobeo). Tamén interveu amplamente Pilar Vila, vogal do CPEIG, elaborando un percorrido polos principais achados e acontecementos mundiais da nosa historia tecnolóxica recente (a comprendida, como dixemos, entre 2007-2017).
En relación ao CPEIG, a cita foi un repaso das principais actividades, logros e fitos acadados pola entidade ao longo da súa andaina. Fernando Suárez debullou os (“duros”) comezos do proxecto e os principais obxectivos primeiros do CPEIG (impulsar unha entidade que protexese e velase aos nosos profesionais da Enxeñaría en Informática, e fomentar ao mesmo tempo o progreso e a innovación). Tamén recordou que malia os dez anos de “vida” do CPEIG, a profesión é moito máis antiga ca iso (xa cumpriu os 40 anos) e que, malia o moito que se ten avanzado, hoxe en día fica pendente de solucionar definitivamente un problema que se arrastra dende hai anos: a falta de equiparación, en materia de recoñecemento público, da Enxeñaría en Informática con respecto ao resto das enxeñarías. Suárez tamén falou doutra das grandes preocupacións do colexio, que é a ausencia de mulleres no sector, unha baixa participación que, lonxe de atenuarse co paso dos anos, non deixa de ir a máis nas contornas previas aos ámbitos profesionais, ou sexa nos propios estudos de informática.
A cita, como dixemos, encadrouse nos eventos de conmemoración do décimo aniversario do CPEIG que a entidade profesional programou este 2017, ao abeiro do lema 10 anos conectad@s. O evento do 30 de novembro foi, de feito, a culminación desas conmemoracións.
O evento foi pechado pola directora da Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, quen fixo un percorrido polos principais logros da profesión e polo seu “papel como embaixadoras e embaixadores das vocacións STEM para difundir o amplo abano de posibilidades laborais que ofrece o sector tecnolóxico”. Tamén aproveitou para felicitar ao colexio por “esta década de traballo” e ao que recoñeceu “a súa colaboración na formación e difusión das TIC en diferentes iniciativas da Axenda Dixital de Galicia, claves para contribuír a xerar un clima de confianza entre os cidadáns e dinamizar o seu uso”.
A maiores, Pereira lembrou que, malia ser un perfil moi demandado, en Galicia só un 9,3% dos alumnos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito científico-tecnolóxico. Ademais, dixo, só o 29,1% das persoas matriculadas en carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) son mulleres, unha fenda de xénero que xa se percibe antes da universidade, xa que só o 33% das mozas optan polo Bacharelato Científico-Tecnolóxico fronte ao 46% dos mozos. A directora de AMTEGA subliñou que “incrementar estas cifras é unha responsabilidade conxunta que implica a administración públicas, universidades, colexios profesionais e sector empresarial, e que se está a afrontar cun enfoque multidisciplinar”.

PUBLICIDADE