O CPEIG conmemora o Día Mundial da Internet e as potencialidades anti-crise da informática

mércores, 13 de maio do 2020 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conmemorar na nosa terra, o vindeiro 17 de maio, o Día Mundial de Internet, unha celebración das importantes contribucións da Rede á nosa sociedade (contribucións que, como puidemos ver durante a pandemia, son cruciais para múltiples frontes de actividade: para que parte das empresas continúen traballando, para que a investigación atope solucións ou para que as nenas e nenos sigan formándose dende as súas casas). Segundo fai saber o colexio, a celebración chega “nun intre en que a informática é un elemento estratéxico anti-crise para combater a pandemia da COVID-19”.
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) pon en valor a informática no Día Mundial de Internet, efeméride que se conmemora este domingo, 17 de maio, recoñecida polas Nacións Unidas como o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Segundo explica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a crise derivada da pandemia da COVID-19 pon de relevo “o papel da informática para combatela, facilitando a continuidade de negocios e o traballo diario das empresas e administracións, aportando un uso social e de ocio, ademais das ferramentas dispoñíbeis para evitar repuntes dos casos nestas fases de desescalada”.
Suárez salienta tamén outros recursos postos en xogo pola informática nestes tempos de crise: ferramentas para teletraballar, como VPN, videoconferencias ou escritorios remotos; para continuar co proceso educativo nas aulas virtuaisM; para comunicarnos coa familia ou amigos por mensaxes instantáneas, videochamadas ou redes sociais, ou mesmo por cuestións de entretemento cos vídeos baixo demanda ou videoxogos en liña, “están sendo fundamentais para alcanzar certa normalidade”.
Se en apenas dous meses se lograron aplicar estas ferramentas informáticas na vida laboral e persoal, o presidente do CPEIG asegura que “con tempo, apoio, confianza e liderado”, construírase un futuro mellor baseado no progreso tecnolóxico de toda a sociedade, grazas a tecnoloxías avanzadas como a Realidade Virtual e Aumentada, a Internet das Cousas ou a Intelixencia Artificial.
Máis tráfico
O CPEIG lembra que durante a pandemia medour o tráfico de datos un 80% e duplicouse o tráfico de vídeo-conferencia e streaming de vídeo en España, obrigando a que os gobernos consideren o acceso a Internet como un elemento estratéxico nas súas estratexias anti-crise. Esta situación está repercutindo en que provedores de contido, como Netflix, HBO, ou Movistar+ limiten a calidade do streaming dos seus contidos ou solucións de vídeo-conferencia reduzan as súas capacidades e utilidades, co fin de garantir a súa propia infraestrutura cloud e o servizo aos seus clientes.
O presidente do CPEIG lembra que existen outras tecnoloxías, con difusión máis limitada, como as impresoras 3D, que están sendo fundamentais para axudar aos sanitarios, mellorando a súa seguridade grazas á elaboración de máscaras. “A pesar destes cambios vividos en confinamento, poderiamos afirmar que estamos conectados no noso illamento, con índices de colaboración desinteresada e altruísta sen precedentes”, sinala Fernando Suárez, poñendo o foco en recursos tan destacados como TraceTogether, que chega dende Singapur e que permite, a través da tecnoloxía Bluetooth dos teléfonos móbiles, identificar a todas as persoas que estiveran en contacto con algún paciente enfermo e que pode ser fundamental, xunto con outras ferramentas, “para evitar aumentos de contaxios, empregando técnicas de xeoposicionamento, rastrexabilidade e Big Data”.
E conclúe Fernando Suárez: “A tecnoloxía demostrou que pode mellorar a nosa calidade de vida, logrando unha verdadeira coalición da vida laboral e persoal, reducindo a necesidade de desprazamentos, coa consecuente diminución das emisións contaminantes, e achegando ás persoas e reducindo brechas espazo temporais”.

PUBLICIDADE