O CPEIG colabora no Congreso Cidades Intelixentes

martes, 6 de febreiro do 2018 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai colaborar no comité técnico da nova edición, a quinta, do Congreso Cidades Intelixentes, que organiza a entidade SESIAD (Secretaría Estado para Sociedade Información e Axenda Dixital) os vindeiros 30 e 31 de maio en Madrid. O evento, segundo informa a entidade galega, xa ten aberto o prazo (até o 20 de marzo) para presentarmos propostas de comunicación e proxectos de Smart Cities, co gallo de mostrarmos o noso gran de area ao proceso de transformación tecnolóxica que está a atinxir as nosas urbes (que estarán máis e mellor conectadas e xestionadas, serán máis transparentes e participativas, máis sustentábeis, rendíbeis e eficientes e, sobre todo, tirarán máis proveito das achegas directas dos cidadáns e da súa implicación na vida pública).
Segundo engade o CPEIG, o programa desta nova edición do congreso incorporará unha Conferencia Maxistral impartida por SESIAD e centrada en avances e novidades sobre Cidades e Territorios Intelixentes en España. Complementarase con catro mesas redondas de alto nivel sobre cuestións clave, con 10 relatorios de comunicacións orais e coa presentación de 8 proxectos de Smart Cities xa culminados ou en fase de proxecto con aprobación de orzamentos.
As propostas e proxectos presentados deberán abranguer algunha das seguintes temáticas: goberno, participación cidadá e innovación social; accesibilidade e mobilidade urbana; cambio climático, eficiencia enerxética e enerxías renovábeis; medio ambiente urbano e habitabilidade; tecnoloxías Big Data, Intelixencia Artificial, Internet das Cousas, analítica e prospectiva; transformación dixital e servizos públicos 4.0; seguridade e servizos ás persoas; destinos turísticos intelixentes; territorios rurais intelixentes e illas intelixentes; e modelos de negocio, economía e financiamento.

PUBLICIDADE