O CPEIG co-organiza o congreso María Pita DefCon

xoves, 12 de xaneiro do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é unha das entidades que se atopa detrás da organización do congreso María Pita DefCon, unha importante cita sobre seguridade informática e visualización da muller no eido das TIC prevista para os mes de marzo, do 6 ao 12. O devandito encontro, que se levará a cabo na Facultade de Informática da Coruña (que tamén é co-organizadora do evento), ten unha participación estimada de 500 visitantes. María Pita DefCon contará cun gran número de charlas, mesas redondas, obradoiros e concursos ao longo da semana. Cómpre engadir que na organización deste congreso se atopa un grupo de seareiros do hacking ético, incluído o propio presidente do CPEIG, Fernando Suárez. O equipo está integrado por David Albela, Uxío Fuentefría Oróns, Juan José González Cid, Raúl Oróns, Alejo Pacín Jul, Jesús Pérez Rubio, Raúl Fernando Rodríguez Rubio, Daniel Somoza, José Manuel Vázquez Naya e María Pilar Vila Avendaño.
Segundo apuntan dende a organización do María Pita DefCon, o obxectivo é dar forma ao “evento máis importante a nivel galego sobre seguridade informática e reivindicación da muller no plano tecnolóxico”.
A orixe de María Pita DefCon, que xa ten aberto o prazo de inscrición para participarmos nela, está na necesidade de seguir debatendo e no intercambio de coñecementos avanzado sobre xeitos de garantir as mellores condicións para os datos e as comunicacións no dixital. Máis polo miúdo, o novo evento vén a cubrir o baleiro deixado trala “falta de financiamento dun congreso de temática semellante que se viña celebrando até agora na mesma localización”. A isto, sinala a organización, cómpre engadir “a alta demanda de perfís de seguridade informática dentro do sector e o interese amosado por diversas entidades, tanto públicas como privadas”. Dito doutro xeito: o mundo reclama máis expertos en salvagarda das comunicacións e coñecemento e está claro que dende a nosa terra estamos capacitados para achegarllos.

PUBLICIDADE