O CPEIG chama á precaución de cara á Internet das Cousas

luns, 8 de abril do 2019 Redacción

Co gallo do Día Internacional da Internet das Cousas, IoTDay 2019, que celebrarase mañá mesmo, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) considera fundamental que a sociedade galega sexa consciente dos dispositivos da Internet das Cousas que emprega e faga un uso responsable e seguro dos mesmos de cara o envío de datos persoais e a súa publicación na Internet.
Denomínase Internet das Cousas a todo o ecosistema de dispositivos que procesan datos e información e están conectados entre eles e con Internet. Actualmente, calcúlase que máis de 8.400 millóns de dispositivos conectáronse a Internet no 2017 e algunhas consultoras como Gartner, estiman que no ano 2020 serán 20.000 millóns de dispositivos (sen contar teléfonos móbiles, tabletas ou ordenadores).
O crecemento da Internet das Cousas traerá consigo evidentes melloras sociais e económicas. Segundo a tecnoloxía avance, poderanse obter mellores produtos e servizos para a sociedade, por exemplo, no eido da teleasistencia ou do control continuo de variables de saúde. As empresas posuirán cada vez máis datos dos usuarios e poderán anticipar as súas necesidades e proporcionarlles servizos que axuden á toma de decisións e a aforrar diñeiro e tempo, como no ámbito do fogar cos dispositivos de control de consumo e de medición dos parámetros ambientais.
Mentres o desenvolvemento da Internet das Cousas proporciona claros beneficios á sociedade é preciso ser conscientes das súas eivas no ámbito da privacidade e da seguridade. En concreto, o CPEIG considera que os cidadáns deben tomar conciencia dos dispositivos que manexan e que se conectan a Internet para o envío de datos ou seguimento de diversas actividades, como termostatos intelixentes, cámaras web intelixentes, Smart TV, teleasistencia, pulseiras de control deportivo ou reloxos intelixentes.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, advirte de que «todos estes dispositivos poden ser unha fonte de ataques á privacidade e á seguridade dos cidadáns. Por exemplo, no ámbito da seguridade están documentados ataques masivos a cámaras web de fogares ou a televisións intelixentes, e no ámbito da privacidade a publicación sen control de datos de pulseiras deportivas (tipo Fitbit) con información sensible como as rutas xeográficas nas que se practica deporte ou a súa actividade sexual», engadindo que nestes últimos meses xurdiron máis dispositivos, que xeran máis conectividade, destacando que «a nova tecnoloxía 5G afectará directamente aos dispositivos da IoT, permitindo transmitir máis datos e en zonas onde agora non hai cobertura coa consecuente mellora no aforro de batería».
O Colexio recomenda usar estes dispositivos de forma segura, protexendo os seus datos persoais e a súa difusión mediante a lectura e comprensión das cláusulas de contratación que son aceptadas na súa instalación e uso. Tamén incide na necesidade de reforzar as conexións dos dispositivos conectados, sobre todo no fogar, mediante instalacións profesionais con redes seguras, e inhabilitar calquera tipo de opción de conexión que non sexa precisa para o bo funcionamento do servizo.
Desde o punto de vista do deseño e a fabricación destes dispositivos, os profesionais do CPEIG velan pola seguridade nestes dispositivos desde o seu deseño, incluíndo características avanzadas de programación que teñan en conta os seus posibles riscos e mitiguen os ataques. Para concluír, Suárez sinala que «o consumidor debe dispoñer de máis información na súa compra para poder distinguir aqueles dispositivos deseñados cunha perspectiva de seguridade e non cunha perspectiva de fabricación de baixo custo».

PUBLICIDADE