O CPEIG celebra o 27 de novembro a edición 12 da Noite da Enxeñaría en Informática

xoves, 19 de novembro do 2020 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG, celebra este mes de novembro a doceava edición da súa Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (anoite.gal), a gran festa das novas tecnoloxías da nosa terra. O evento modificou a súa data de celebración debido ás últimas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia, pasando do 30 de outubro ao 27 de novembro, no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Este ano celebrarase un encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.
A listaxe de galardóns é a seguinte: Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado (1.000 euros), Premio e-Inclusión, Premio Iniciativa Emprendedora, Premio Iniciativa Empresarial, Premio Iniciativa da Administración, Premio Ada Byron, Premio Innovación, Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino, Premio Grandes Proxectos TIC, Premio Traxectoria Profesional e Colexiado de Honra.
As actividades darán comezo ás 20.45 horas co control de acceso, que dará paso á entrega dos devanditos premios convocados anualmente polo CPEIG, cos que se distinguen as mellores contribucións das empresas, entidades e profesionais da nosa terra ao impulso tecnolóxico galego, á igualdade e o noso progreso TIC. De seguido, ás 21.30 horas, comezará un espectáculo de maxia a cargo de Jorge Bas.

PUBLICIDADE