O CPEIG celebra este venres a terceira edición da súa Noite da Enxeñaría en Informática

venres, 28 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Unha vista das celebracións da edición anterior da Noite, por estas mesmas datas en 2010

Este venres 28 de outubro celébrase a gran cita galega dos profesionais da informática, un evento que vai alén dunha simple xuntanza de representantes do sector para converterse, por dereito propio, nunha conmemoración dos nosos logros en materia de novas tecnoloxías, innovación e creatividade arredor dun dos principais ingredientes da fórmula do crecemento vindeiro: o coñecemento. Estamos a falar da Noite da Enxeñaría en Informática, un evento que vén da man do CPEIG e que chega á súa terceira edición co gran obxectivo de reivindicar a transcendencia da profesión informática. A Noite, que se celebra no Hostal dos Reis Católicos de Santiago a partir das 20.15 horas, dará acubillo a arredor de 300 profesionais do sector das novas tecnoloxías da información na nosa terra e, tamén, á entrega dos premios que cada ano convoca o CPEIG co fin de recoñecer os esforzos máis salientábeis no camiño da modernización informática da nosa terra.
Lembrar que, ao fío destes galardóns, os días pasados xa foron dados a coñecer os premiados nas categorías de Fin de Carreira e Comunicación Informática, sendo Daniel Fernández Núñez (co seu traballo Deseño e Implementación dun MON escalable en Java para aplicacións financeiras) e este mesmo medio de comunicación dende o que se escribe, Código Cero, os finalmente recoñecidos, respectivamente. Como dixemos, os gañadores recibirán os seus galardóns este mesmo venres pola noite, xunto cos seguintes premiados:
· Premio á Facultade de Informática da Coruña polo seu 25 aniversario.
· Premio á Traxectoria Profesional: Juan Pazos Sierra, primeiro doutor en Informática e catedrático de Enxeñaría do Coñecemento de España. Foi director do primeiro laboratorio de intelixencia artificial de España.
·Premio Iniciativa Empresarial: saída da consultora tecnolóxica Altia ao Mercado Alternativo Bursátil (MAB).
· Premio Iniciativa da Administración: proxecto Abalar, Xunta de Galicia.
· Premio Iniciativa Emprendedora: Iniciador Galicia. Punto de encontro para os emprendedores TIC galegos que xa conta con más de 25 eventos, máis de 1.200 asistentes, máis de 900 seguidores por streaming, 1.700 followers en twitter e 350 seguidores en linkedin.
Patrocinadores da Noite
Como en ocasións anteriores, o CPEIG conta co patrocinio de diversas empresas e institucións para a organización da gala e dos premios. Colaboran como patrocinadores de ouro: Altia, Bahia Software, Bull, Everis, Hewlett-Packard, Plexus, Telefónica e Xunta de Galicia; como patrocinador de prata, o Concello de Santiago e como patrocinadores de bronce: Coremain, El Corte Inglés, Insa, Retegal, Tecnocom, Treelogic e La Caixa.

PUBLICIDADE