O CPEIG aposta polo uso da informática verde para mitigar o cambio climático

xoves, 3 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Dado o avanzado estado de degradación no que se atopa xa a nosa capa de ozono, e o consecuente quencemento global que está a provocar, o pouco que se poida facer para contribuir a mitigar o cambio climático benvido sexa.
Malia que pouco poden facer para correxir os malos hábitos de consumo da cidadanía, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), sabedor de que a aposta polo uso de enerxías renovables xunto coa reciclaxe é o máis consecuente que ten á súa man para tratar de manter en bo estado o medio ambiente, vén de asinar un acordo de colaboración coa Asociación pola Eco-responsabilidade nas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Aecotic) polo cal lle dan pulo ás actividades e iniciativas relacionadas coas green IT, é dicir, a informática verde.
Ao abeiro deste convenio, ámbalas dúas entidades acordan colaborar no impulso das green IT con iniciativas e actividades “baseadas no concepto amplo da informática verde”, de xeito que o CPEIG intégrase como socio institucional de Aecotic durante un prazo de dous anos, renovables por acordo entre ambas partes.
Mediante este acordo, asinado entre Manuel Carlos Delfino Reznicek, presidente de Aecotic, e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG (na imaxe), ambas entidades pretenden impulsar iniciativas, individuais e colectivas, que contribúan a mitigar o cambio climático unindo un uso eficiente das tecnoloxías da información e comunicación; así como sensibilizar a sociedade, empresas e Administración pública na redución das emisións de CO2; potenciar novas tecnoloxías TIC enerxeticamente sustentables; impulsar a sustentabilidade en áreas intensivas en utilización das TIC; impulsar un centro de referencia internacional sobre políticas, acción e tecnoloxías green IT e propiciar a adopción de medidas de reciclaxe e reutilización.

PUBLICIDADE