O CPEIG anuncia a convocatoria da 15ª edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática

martes, 27 de febreiro do 2024 S. P.

O CPEIG anuncia a convocatoria da décimo quinta edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática. Dende o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) anunciaban hoxe a décimo quinta edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática. Con este premio, o Colexio busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, amais de estimular o traballo dos estudantes. O dito galardón, que se entregará no marco da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o vindeiro 21 de xuño en Santiago (no Hotel OCA Puerta del Camino), quere ser un estímulo para o estudantado e titulados recentes no máster en Enxeñaría en Informática.
Informar que poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en Informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de máster da Enxeñaría en Informática nos anos 2022, 2023 e 2024.
Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do traballo, resumo e memoria completa do mesmo) até o día 21 de abril ao enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura pódense atopar na web colexial.
En canto a premios, os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación. O TFM gañador recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador.

PUBLICIDADE