O CPEIG adhírese ao Pacto pola Ciberseguridade Sustentable

venres, 19 de xaneiro do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) adhírese ao Pacto pola Ciberseguridade Sustentable, constituído pola Asociación Española para el Fomento de la Seguridad de la Información (ISMS Forum) e o Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).
O selo Green Proof ao Pacto pola Ciberseguridade Sustentable representa “o recoñecemento e o compromiso do CPEIG cos principios e accións deliñadas no pacto”, explicaron fontes da entidade profesional galega engadindo que grazas a esta adhesión o colexio “súmase ao medio centenar de empresas e entidades que xa apoian este manifesto, composto por oito puntos relacionados cunha xestión da ciberseguridade máis respectuosa co medio ambiente e cos recursos naturais”.
Segundo lembra o CPEIG, o pacto forxouse coa conciencia de protexer non só datos, senón tamén o medio ambiente e a sociedade, e xurdiu da colaboración e o intercambio de coñecementos para servir de guía as empresas cara operacións ciberseguras e sustentábeis. “Servirá a modo de referencia de boas prácticas para todo tipo de entidades que operen en ciberseguridade”, apunta o colexio, aclarando que o Pacto pola Ciberseguridade Sustantable “constitúe a primeira referencia ao respecto na Axenda 2030 no sector da ciberseguridade”.
O esquema de cumprimento de boas prácticas, con certificación baixo unha marca de garantía, visibilizará o compromiso das entidades participantes, como é o caso do CPEIG. Os oito piares de acción para a xestión sostible da ciberseguridade son:
1. Goberno responsable
2. Transparencia e rendición de contas
3. Eficiencia enerxética
4. Economía circular
5. Xestión responsalbe de residuos electrónicos
6. Colaboración e divulgación
7. Estándares sustentables
8. Colaboración na cadea de subministración

PUBLICIDADE