O CPEIG achéganos ás posibilidades profesionais e de desenvolvemento do hacking ético

xoves, 3 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), ao abeiro do seu plan de formación para 2018, vai organizar un obradoiro sobre as posibilidades do hacking para ir alén do significado tradicional do termo e das funcionalidades para as que foron concibidas boa parte das novas tecnoloxías que usamos hoxe. Todo isto co obxectivo de adestrarnos con vistas a actuar na creación de contornas dixitais máis seguras, accesíbeis, democráticas, solidarias e confiábeis. Estamos a falar do Curso Hacking, Ética e Hardware, a desenvolver durante o mes de xuño en Santiago de Compostela.
Segundo informa o CPEIG, a actividade formativa aborda as devanditas temáticas dende “a perspectiva do software, os sistemas e do hardware”. Na primeira semana falarase de todo o necesario para crear o noso propio hardware orientado ao hacking, mentres que na segunda semana trataranse os conceptos e metodoloxías apropiadas para profundar no ámbito do hacking ético. En palabras do colexio, trátase de dous mundos diferentes que conflúen nun punto de gran interese, polo que o curso é moi acaido para persoas que buscan novas experiencias e profundar nos ditos ámbitos e nos recursos que abrollan da súa interrelación.
Para impartir o primeiro dos módulos (os días 1 e 2 de xuño) contarase coa presenza de Álvaro Núñez de Eleven Paths. Tocaranse cuestións como a placa libre Arduino, métodos para construír o noso primeiro hardware coa dita placa ou para dar forma a un lector NFC, ou as posibilidades do mundo sen fíos con ESP8266, entre outros temas.
Na segunda semana abordarase os eidos do hacking ético e a ciberseguridade. O relator será Pablo González de Eleven Paths, quen introducirá aos presentes nas metodoloxías para publicar unha vulnerabilidade, na escolma e identificación de servizos, na explotación de recursos, nas técnicas de post-explotación, nos ataques de redes de datos, nas recomendacións para facer informes, etc.
O curso ten unha duración de 20 horas e impartirase os días 1 e 2 de xuño e 8 e 9 de xuño de 2018 en horario de 16:30 - 21:30 (os venres) e de 9:30 - 14:30 (os sábados). Celebrarase en Santiago de Compostela Os participantes deberán levar a súa computadora portátil.

PUBLICIDADE