O CPEIG achega os relatorios das súas xornadas sobre novos perfís profesionais

martes, 22 de decembro do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de informar de que xa está dispoñíbel a publicación (en formato PDF) que recompila os relatorios das súas xornadas destinadas a amosar os múltiples vieiros laborais que abre a formación en novas tecnoloxías da información (as xornadas da campaña 1 mes, 1 profesión dixital). Como lembraremos, a primeira edición deste programa de divulgación de novos perfís profesionais desenvolveuse dende o mes de abril até o mes de novembro do presente ano. Contou coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, e dispuxo de web propia para ir dando conta das múltiples citas e actividades que abrollaron do seu seo, profesionsdixitais.org.
Como lembraremos o miolo da campaña foi unha serie de charlas itinerantes que contaron coa intervención de expertos e profesionais para dar a coñecer novos perfís profesionais dixitais (deseñador e programador dixitais, blogueiro profesional, desenvolvedor de aplicacións, especialista en contidos ou análise de datos, técnico en mercadotecnia en liña, atención xeriátrica dixital ou experto en medios de pagos, por só citar algúns). Dado o éxito da iniciativa, está prevista unha segunda edición da campaña para o ano que vén.
O documento conta con prólogos da directora da AMTEGA, Mar Pereira, e do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. A publicación recolle, ao longo de 44 páxinas, un resumo das intervencións dos relatores que participaron no ciclo. Pereira lembra na súa achega introdutoria que “existe arestora unha fenda entre a oferta e a demanda no mercado laboral e faise por tanto, máis que necesario, impulsar a identificación destes nichos de oportunidade e fomentar a especialización tecnolóxica precisa para xerar novos perfís profesionais prestos para resolver os retos desta nova época”. Pola súa banda, o presidente do CPEIG salienta no limiar que cómpre pór en valor “os exemplos de empresas e profesionais que amosan como, cada vez máis, estanse a demandar competencias e coñecementos dixitais e como o emprendemento neste ámbito fai que de continuo xurdan novos negocios que hai pouco non existían”.

PUBLICIDADE