O CPEIG achega claves para regular a eAdministración nos concellos

mércores, 25 de marzo do 2015 Redacción

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, presentou recentemente o modelo de ordenanza tipo que foi desenvolvido polo colexio man a man coa Federación Galega de Municipios e Provincia, a FEGAMP. A presentación levouse a cabo nun encontro sobre eAdministración celebrado o pasado 16 de marzo, e no transcurso da xornada deuse a coñecer o miolo da ordenanza, facendo fincapé en detalles como cara a onde se dirixe (cara a regular a Administración Electrónica os concellos) e de que maneira (impulsando o emprego dos medios e as canles electrónicas no desenvolvemento da actividade administrativa dos mesmos).
Fernando Suárez tamén subliñou que o devandito impulso TIC abranguerá tanto a relación dos gobernos locais coa cidadanía coma a relación coas restantes administracións públicas, “de acordo co establecido no artigo 45 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, desenvolvido pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos”. O texto atinxe, entre outras, as seguintes actuacións: a tramitación dos procedementos administrativos incorporados á tramitación telemática; a creación do rexistro electrónico e a regulación do seu funcionamento; unha especificación dos trámites e procesos que poderán ser iniciados a través do rexistro electrónico así como a fixación dos principios reguladores para a incorporación de novos trámites e procedementos administrativos; a prestación, por medios informáticos, de servizos de información e de atención á cidadanía polos distintos órganos e unidades administrativas do concello.
Tamén se achegan claves para regular as relacións coas demais administracións e entidades públicas en tanto en canto actúen como usuarias dos servizos ou ben como parte interesada nos procedementos incluídos no ámbito de aplicación do concello.

PUBLICIDADE