O CPEIG achega ao seu apoio a GaliciaTIC 2016

venres, 2 de setembro do 2016 Fernando Sarasketa

GaliciaTIC, histórico evento galego sobre novas tecnoloxías da información, está a piques de chegar á súa 14 edición. A cita será o 22 de setembro na Cidade da Cultura de Santiago, baixo o lema Transformación dixital para unha competencia global. Entre as entidades colaboradoras deste ano atópase o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG, que vén de dar a coñecer o seu apoio na web de seu, engadindo que xa está aberto o prazo para realizarmos a inscrición no congreso (a través de Galiciatic.com ou descargando a aplicación específica para iOS e para Android) e que, en virtude da dita colaboración, os membros do colexio contarán cunha serie de vantaxes.
Segundo salienta a maiores o CPEIG, GaliciaTIC segue a ser un referente na “aposta polas tendencias máis actuais nas tecnoloxías do coñecemento, desde o punto de vista da oferta global e de man dos líderes tecnolóxicos globais”.
Como lembraremos, o gran obxectivo desta edición 2016 é avaliar até que punto a revolución tecnolóxica que estamos a vivir pode mudar para sempre a sociedade e, por conseguinte, o tecido empresarial. GaliciaTIC 2016 centrarase neste proceso de cambio, co obxectivo de fomentar, en palabras dos organizadores, “a competitividade e innovación do sector TIC e a transformación de terceiros sectores, achegando a Galicia conferencias e charlas temáticas específicas das últimas tendencias tecnolóxicas mundiais”.
Entre os patrocinadores confirmados do evento atópanse Banco Sabadell, Deloitte, Edisa, Emetel, Fujitsu, Imatia, Itelsis, Ayco, Qindel, Oracle e Televés. Haberá relatorios, mesas temáticas e actividades de achegamento ás últimas tendencias TIC mundiais, amais dunhas innovadoras xeiras de debate tecnolóxico con formato de ring de boxeo.
A inauguración do evento correrá a cargo (ás 9.30 horas do 22) de Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA.
A maiores dos ditos apoios nas xornadas pasadas sumáronse os de GoEmprende (Rede Business Angels de Castela A Mancha) e MyAngelTIC (rede de investidores de proxectos innovadores e tecnolóxicos).

PUBLICIDADE