O CPEIG, Igualdade e o CESGA celebran o 22 de abril o Día das Rapazas nas TIC

luns, 22 de marzo do 2021 S. P.

A nosa terra está en pé de loita contra as fendas dixitais de xénero. Profesionais, asociacións, entidades e mesmo empresas levan anos xuntando forzas para incrementar o número de mulleres que empregan, desenvolven e impulsan novas tecnoloxías da información e froito desta loita é a conmemoración do Día Internacional das Rapazas nas TIC, que en Galicia foi dende os seus inicios unha xornada máis que relevante e nada indica que este ano, coa adversidade da pandemia, vaia perder en intensidade e adhesións. Máis ben o contrario. Así nolo confirma o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que nos presentou este 22 de marzo os detalles da vindeira celebración, o 22 de abril. Será un cita conxunta do CPEIG, a Secretaria Xeral de Igualdade e, por suposto, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
O Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day) celebrarase o vindeiro 22 de abril na Plataforma Webinar do Cesga, e será retransmitido en directo a través de Internet de 11 a 12 horas para escolares de toda Galicia.
Este ano, debido á situación marcada pola pandemia, a actividade organizarase exclusivamente mediante multiconferencia web, na que participarán tanto as protagonistas invitadas como todos os centros interesados de primaria e secundaria.
“Será unha gran oportunidade para coñecer a tecnólogas galegas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos eidos científicos e laborais para mellorar a vida da cidadanía”, explican dende o CPEIG, engadindo que grazas a esta xornada “o alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo”.
Participarán catro mulleres excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas:
- Beatriz Paz Santalla é enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, Mestrado en Seguridade da Información e Administración de Empresas, e co-fundadora da empresa GDI, empresa galega pioneira en ofrecer solucións de vídeo-conferencia, telepresencia e mobilidade.
- Ana Freire é enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é investigadora e docente na Universitat Pompeu Fabra (Barcelona), onde traballa aplicando a Intelixencia Artificial a diversas necesidades sociais como a saúde mental. É directora do Centro de Estudos de Sostibilidade da mesma universidade e lidera Wisibilízalas, un concurso internacional para romper estereotipos de xénero asociados a estudos científico-tecnolóxicos. Recibiu numerosos recoñecementos polo impacto social da súa investigación, entre os que destaca o Premio ao Talento Xove Feminino Investigador, outorgado pola Fundación Real Academia das Ciencias e o premio Ada Byron, outorgado pola Universidad de Deusto.
- Úrsula Martínez Álvarez é enxeñaría Aeroespacial, e está finalizando o Mestrado en Enxeñaría Areonáutica, especializada en vehículos espaciais. O seu traballo céntrase en proxectos sobre deseño, fabricación e ensaio de sistemas e experimentos no espazo. Desde fai once anos, forma parte do proxecto de educación ambiental Climántica.
- Verónica Bolón Canedo é doutora en Informática pola Universidade da Coruña, e investigadora centrada en Intelixencia Artificial, especialmente en aprendizaxe automática para Big Data (análise da información a gran escala). É responsábel do nodo Inspira STEAM na Coruña.
Inscrición para a participación dos centros escolares
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación para o desenvolvemento académico, investigador e profesional.
O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación.GAL, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da Universidade de Santiago, Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo) e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!
Para participar neste coloquio en directo, os centros interesados deberán inscribirse mediante un formulario dispoñíbel na web www.ictgogirls.eu.
A información do evento e das actividades está actualizada nesta mesma páxina ou no Facebook e Twitter @ICTGoGirls.
Desde 2012, o CESGA coordina o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras Nas TIC na que colabora o Colexio Profesional de Enxeñería informática (CPEIG) no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.

PUBLICIDADE