O CPAE 2.0 iniciará a vindeira semana as súas actividades formativas

venres, 4 de abril do 2014 Redacción

Amancio Varela e Ana Isabel Vázquez participaron na inauguración da nova oficina en Pontevedra

O Centro de Asesoramento Empresarial en Novas Tecnoloxías (CPAE 2.0) que impulsa a Deputación de Pontevedra porá en marcha, a partir da vindeira semana, un amplo programa de actividades formativas tanto na súa sede central, inaugurada onte, como nas oficinas de Lalín, Cambados, Ponteareas, O Porriño e Vigo, tal e como manifestou o responsable de Novas Tecnoloxías da Deputación, Amancio Varela, no acto de presentación da oficina de Pontevedra (sita no Edificio Administrativo da Deputación), no que tamén participou a deputada Ana Isabel Vázquez.
Os autónomos e microempresas da provincia terán así á súa disposición cursos de formación práctica en materias coma o uso dos certificados dixitais e do DNI electrónico, o marketing en liña, a mellora da reputación en liña, a xestión informática de compras e vendas, a seguridade informática e, incluso, información sobre subvencións e axudas para a implantación das Novas Tecnoloxías nas empresas. As clases terán un contido eminentemente práctico e, para un mellor aproveitamento, impartiranse en grupos reducidos de entre 10 e 12 persoas.
Trátase da quinta oficina que se pon en marcha como parte dunha rede de seis centros, que dará servizo ós máis de 64.000 autónomos e microempresas existentes na provincia e que se completará coa próxima apertura do punto de asesoramento de Vigo.
Esta oficina central contará con cinco técnicos que non só responderán ás consultas que se lles formulen senón que serán proactivos, organizando diferentes actividades formativas e de asesoramento e impulsando unha plataforma de comercio virtual.
Os empresarios poderán atopar orientación sobre como aforrar nas comunicacións da empresa; xestionar un negocio en liña; controlar o inventario da empresa desde un dispositivo móbil; poñer en marcha plataformas de comercialización a través da rede; ou que ferramentas de xestión poden ser da súa utilidade.

O CPAE 2.0 contará cun amplo programa de actividades formativas

PUBLICIDADE