O COETG velará polas mellores condicións de acceso ás redes nos concellos

xoves, 25 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e a Consellería de Innovación seguen a unir forzas nun compromiso que a ambas entidades lles colle de preto: a difusión e afianzamento das redes na nosa terra. Así o fixeron saber onte mesmo, no transcurso da sinatura dun convenio de colaboración que, ademais de ir encamiñado a promover no plano xenérico o emprego e presenza das novas tecnoloxías, diríxese a un obxectivo ben concreto: velar polo cumprimento actual da normativa ICT (Infraestrutura Común de Telecomunicacións) e mellorar o seu grao de coñecemento en todos os concellos galegos.
No encontro, no que estiveron presentes Fernando Blanco (conselleira de Innovación) e máis Ramón Bermúdez de Castro Olavide (decano do COETG), fíxose fincapé no que representan as ditas siglas ICT. En liñas xerais, sinalaron os responsables do acordo, a Infraestrutura Común de Telecomunicacións é un dos alicerces básicos que lle garante á cidadanía o acceso ceibe aos servizos de telecomunicacións e con todo o que iso implica: condicións máximas de liberdade á hora de chegar á Sociedade do Coñecemento, á hora de elixir operadores e á hora de acceder á banda larga.
Arestora, segundo indica a normativa ICT, en Galiza é o devandito Colexio o responsable de visar os proxectos de obra na construción de todas aquelas vivendas suxeitas á Lei de Propiedade Horizontal, amais de achegar a certificación precisa para poder recibir a licenza de primeira ocupación.
En definitiva, o convenio asinado céntrase neste traballo e permite a súa realización. Asemade, establece os termos para realizar seguimentos da aplicación real desta normativa ICT nos distintos concellos, afondando en se a súa aplicación é a idónea nos diferentes casos ou non e en se é preciso iniciar procedementos de corrección.
A maiores, posibilitará que se amplíe o grao de información da normativa por parte dos responsables de urbanismo dos gobernos locais.

PUBLICIDADE