O COETG reelixe a súa xunta directiva e propón novas actuacións dentro do sector

martes, 2 de xuño do 2009 Raquel Noya

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que vén de reelexir a Ramón Bermúdez de Castro Olavide como decano da súa Xunta de Goberno Territorial para o periodo 2009-2013, acaba de publicar dez propostas de actuación no sector das telecomunicacións e da Sociedade da Información para a vindeira lexislatura, entre as que destacan conseguir para Galicia a sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións e optimizar as redes de comunicación no mapa territorial galego a través de infraestruturas de última xeración asociadas ás infraestruturas viarias do Plan Galicia.
Asemade, o novo equipo de goberno vén de anunciar que intentará posicionar o Colexio como referente das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, así como materializar as propostas recollidas no Decálogo das Telecomunicacións de Galicia para a vindeira lexislatura 2009-2013.
A nivel corporativo, as novas Xuntas de Goberno e Directiva comprométense asemade, segundo veñen de anunciar os seus responsables, a apoiar o sector de exercicio libre en Galicia, a aumentar a atención ao colexiado a través da creación dunha oficina ad hoc e a afondar nunha maior independencia do Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación (COIT)/Asociación Española de Ingenieros de Telecomunicación (AEIT) adecuando a estrutura organizativa para dotar o COETG de personalidade xurídica propia.

PUBLICIDADE