O COETG recorre ante o TSXG a relación de postos de traballo de 2017 da Deputación da Coruña

mércores, 30 de maio do 2018 Redacción

Fachada da sede da Deputación da Coruña

En relación á nova que incluímos os días pasados en Código Cero reflectindo a decisión do xulgado do contensioso-administrativo número 3 desestimando o recurso inteposto polo COETG contra o acordo plenario da Deputación da Coruña do 23 de decembro de 2016, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación vén de achegarnos o seu punto de vista sobre os feitos relativos á decisión e sobre as vindeiras accións a desenvolver en relación á mesma. En termos máis concretos, o colexio vén de recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a sentencia emitida polo dito xulgado.
Como lembraremos, en virtude da dita sentencia desestímase o recurso interposto contra o acordo plenario da Deputación Provincial da Coruña do 23 de decembro de 2016, que aprobou a relación de postos de traballo (RPT) para 2017. Este recurso foi presentado polo colexio que entende “que os enxeñeiros de Telecomunicación deben poder optar a determinadas prazas a RPT do organismo provincial coruñés só destina aos titulados en Enxeñaría Informática”.
E engade a entidade profesional galega que preside Julio Sánchez Agrelo: “O Colexio estará sempre aí para defender os intereses dos seus colexiados e reivindicar o seu acceso a postos para os que están debidamente cualificados e para os que teñen plenas competencias profesionais”. Ao fío disto, lembra que recentemente o labor do COETG “foi clave para recorrer un acordo adoptado na Mesa do Parlamento de Galicia” polo que se convocaban por oposición libre dúas prazas da escala técnica de tecnoloxías da información, “que non prevía a posibilidade de que os enxeñeiros de Telecomunicación puideran presentarse”. O COETG recorda que “tralo recurso interposto”, conseguiu modificar a dita previsión na relación de postos de traballo do Parlamento e “os telecos puideron optar a esas prazas”.

PUBLICIDADE