O COETG recoñece en Compostela a traxectoria profesional de Félix Canales

venres, 5 de xullo do 2013 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) quere recoñecer o labor desenvolvida polo ex xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións de A Coruña, Félix Canales Rodríguez, cunha homenaxe celebrada co gallo da súa xubilación despois de toda unha vida profesional dedicada ao fomento e impulso das telecomunicacións.
O acto desenvolveuse hoxe en Santiago de Compostela, e os asistentes honraron ao homenaxeado cunha cerimonia de recoñecemento ao seu compromiso co desenvolvemento das TIC en Galicia, na que o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, lle fará entrega dunha placa conmemorativa en agradecemento aos seus anos de dedicación ao sector das telecomunicacións e pola súa colaboración co COETG no desenvolvemento das ICT e do fogar e o edificio dixital en Galicia e por outras moitas actuacións conxuntas.
O evento contou coa presenza dos xefes provinciais das Xefaturas de Inspección de Telecomunicacións de Galicia e compañeiros do homenaxeado, representantes da Administración Autonómica, diversos membros da Xunta de Goberno e Directiva do COETG e cunha representación dos enxeñeiros de telecomunicación de toda a Comunidade.
Corenta anos de servizo á profesión
Desde o inicio da súa andadura profesional en 1973, Félix Canales foi testemuña directa da explosión das telecomunicacións que proliferaron de maneira imparable dende esa época ata o remate dos seus corenta anos de servizo á profesión. Durante todo este tempo, o homenaxeado xunto cos seus contemporáneos, foi o encargado de desenvolver desde o seu cargo como xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións, a proliferación das TIC na provincia de A Coruña, contribuíndo a implantar os novos sistemas das telecomunicacións no territorio.
Entre as súas funcións (ademais das relacionadas coas ICT e o Rexistro de Instaladores) ao fronte da Xefatura Provincial, que teñen moita “transcendencia na vida cotiá de todos os cidadáns, aínda que non sempre sexamos conscientes diso”, tal e como el mesmo comentou, estaban a xestión do Espectro Radioeléctrico, a vixilancia do mercado das telecomunicacións e a xestión das reclamacións dos usuarios, o control dos niveis máximos de emisión e as autorizacións de Redes radioeléctricas do Servizo Fixo e Móbil, Radioafeccionados, etc.
Contribuíu tamén á divulgación das telecomunicacións apoiando a implementación de proxectos nos centros educativos, como o levado a cabo por Asociación de Radioafeccionados de Padrón, que como el mesmo salientou, servirá para “completar a formación dos mozos cunha inmersión no mundo das comunicacións que, aínda que simple, lles permita chegar a entender o como e o porqué da cantidade de actividades que de forma rutineira efectúan cos seus equipos electrónicos. Tamén da importancia e transcendencia que a auténtica Radioafección ten no mundo das comunicacións e das relacións humanas, así como o insubstituíble papel que sempre desenvolveu dun xeito altruísta nos grandes desastres naturais”.

PUBLICIDADE