O COETG impulsou o galego a nivel internacional na festa do 17 de maio

mércores, 22 de maio do 2013 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) conmemorou o Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información (o pasado 17 de maio) con varias iniciativas a ter en conta, algunha das cales xa reflectimos en Código Cero (o manifesto e o número especial de A Nosa Rede, amais do foro celebrado con INEO). Pois ben, houbo aínda máis. De feito, este mércores a entidade profesional galega informounos dunha iniciativa de seu que permitiu que a nosa lingua fose incluída no máis alto nivel de celebración mundial da devandita festividade (que, cómpre relembralo, coincide co Día de Internet e Día das Letras Galegas). Isto conseguiuse a través da incorporación do galego ao póster oficial que lle serviu á Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) para conmemorar a festa das redes. Deste xeito, a nosa lingua compartiu espazo con seis idiomas de gran difusión.
Esta iniciativa”, sinala o COETG, “encádrase dentro do programa de accións que o Colexio levou a cabo con motivo da celebración desta data sinalada para as telecomunicacións, e agora tamén, para todos os que conforman o sector TIC galego, que xa pode gabarse de ter unha páxina propia na UIT na súa lingua”. Para a nosa entidade profesional, o feito de festexarmos da devandita maneira o 17 de maio coa Unión Internacional de Telecomunicacións, o máximo organismo mundial neste eido, é un importante motivo de orgullo, e máis tendo en conta as posibilidades de difusión que se nos achegan. A inclusión do material gráfico en galego foi levada a cabo polos nosos enxeñeiros para celebrar, amais de todo o relativo á Sociedade da Información, a festa das Letras.

PUBLICIDADE