O COETG e AMTEGA distinguirán os proxectos galegos con meirande poder de beneficio social

xoves, 7 de agosto do 2014 Redacción

Entrega da edición dezaoito dos Premios Galicia das Telecomunicacións

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) veñen de convocar un premio para recoñecer as iniciativas desenvolvidas na nosa terra co obxectivo de actuar directamente na mellora da calidade de vida das persoas, especialmente aquelas en risco de exclusión social ou dixital. Trátase do Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2014. Esta distinción, informan, é un dos galardóns da nova edición dos Premios Galicia das Telecomunicacións do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG).
O premio, engaden, convócase por primeira vez este ano con carácter aberto, fornecendo a posibilidade de presentárense a todas aquelas persoas ou entidades que desenvolveran iniciativas de innovación social de alicerce tecnolóxico. O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 8 de setembro.
A convocatoria está dirixida “a aquelas iniciativas especialmente destinadas a potenciar o fomento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación accesíbeis, a diminuír a fenda dixital, ou a pór en marcha proxectos empresariais ou sociais de fabricación de produtos ou desenvolvemento de servizos que incorporen un elevado nivel do uso das TIC orientados a mellorar a calidade da vida das persoas con diversidades funcionais ou cognitivas, persoas maiores, persoas desempregadas, persoas dependentes, persoas con doenzas crónicas, mulleres do rural..., e en xeral das persoas en risco de exclusión social e/ou dixital”. Polo tanto, a finalidade do galardón é salientar as boas prácticas na área das TIC como un factor de mellora continua da actividade social e da aplicación da tecnoloxía en proxectos con impacto social positivo.
Este galardón será entregado xunto cos restantes Premios Galicia das Telecomunicacións no marco da XIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. O evento terá lugar o 24 de outubro de 2014 no Gran Hotel da Toxa, baixo o lema Sociedade Dixital e Saúde.
Catro categorías
Xunto co premio en colaboración coa AMTEGA as distincións do COETG-AETG establecen catro categorías. O Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC 2014, patrocinado pola Fundación homónima e dotado con 6.000 euros, é unha iniciativa que distingue aqueles proxectos empresariais emerxentes no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) que representen unha innovación, coa finalidade de darlles un pulo económico, empresarial e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina.
O Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 busca fomentar a realización de teses doutorais con potencial de achegar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
O Premio Ineo ao produto ou servizo TIC máis innovador do 2014, patrocinado pola Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (Ineo) está destinado a recoñecer ás empresas que estean a contribuír ao impulso do sector galego das TIC e a dinamización da Sociedade da Información e o Coñecemento en Galicia.

PUBLICIDADE