O COETG conmemora o Día das Telecomunicacións reivindicando o papel da muller nas TIC

martes, 15 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Pilar Villaverde, Edita de Lorenzo, Mar Pereira e Ramón Bermúdez de Castro, no acto de divulgación celebrado no CESGA, en Santiago

Para quen non o saiba, o Día das Letras Galegas (17 de maio) é algo máis que unha xornada de festexo da nosa cultura e lingua. É un día para festexar a comunicación, o coñecemento e a igualdade de oportunidades que se xera arredor disto. Para celebrar estas temáticas tan complementarias (letras, Rede, telecomunicacións, igualdade), o COETG/AETG organizou este martes 15 o Foro Dixital As Mulleres e as Rapazas nas TIC, un evento que foi en si unha proba das potencialidades da nova comunicación. Así, malia ter emprazamento físico concreto, a sede do CESGA, estableceu conexión directa con centros escolares (colexios, institutos) da nosa terra, desenvolvéndose nun trasfego de preguntas (das rapazas e dos rapaces) e respostas. Unha das grandes conclusións ás que se chegou foi esta: as TIC, ben usadas, teñen capacidade para tirar abaixo barreiras de xénero.
As propias relatoras presentes no foro foron unha proba disto, ao seren mulleres á par que representantes da primeira liña das TIC galegas. Convocadas polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG/AETG) e coa arela de celebrar o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012 (este 17 de maio), participaron no encontro coa mocidade Mar Pereira (directora da Axencia para a Modernización de Galicia, AMTEGA), Edita de Lorenzo (directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación) e Pilar Villaverde (voceira do COETG). Como dixemos, o acto (que tamén contou coa presenza de Ramón Bermúdez de Castro, decano do COETG), foi retransmitido en streaming e complementado cun chat a través do cal chegou unha chuvia de preguntas sobre o presente e o futuro das TIC, propostas polo alumnado dos centros en conexión, que non quixeron deixar pasar a oportunidade de saber, de primeira man, como se vive unha vez que as novas tecnoloxías deixan de ser só ferramentas do lecer e do estudo para ser, tamén, ferramentas de e para o traballo. De feito, o evento foi un fluxo de dúbidas e resolucións desas dúbidas máis que unha xornada de relatorios propiamente dita. O obxectivo era chamar a atención da mozas/os a través de recursos e modelos de comunicación que elas/es coñecen ben.
A xeira comezou coa lectura dun manifesto, a cargo de Pilar Villaverde, a través do cal o COETG fixo un chamamento á sociedade civil para convidala a tirar partido das TIC a prol da igualdade de oportunidades e, máis polo miúdo, a prol das mulleres e rapazas da nosa terra contra a diferenza de xénero. Ademais, segundo dixo o colexio, “as novas tecnoloxías son unha oportunidade para sermos máis competitivos e para superarmos a crise na que estamos mergullados”. Logo interviñeron Edita de Lorenzo e Mar Pereira, que fixeron fincapé nas moitas posibilidades de traballo que ofrecen os estudos ligados ás novas tecnoloxías da comunicación e da información. Ao tempo, todas salientaron a circunstancia positiva de presidir un foro de maioría feminina, cousa que, dixeron, non é habitual pero que ben pode ser un indicio da materialización definitiva da capacidade igualitaria das novas ferramentas dixitais.
Na rolda de preguntas que serviu de colofón, as temáticas a tratar foron variadas, pero todas xiraron arredor do que lles pode agardar, aos estudantes, en canto deixen de selo e traballen en maior ou menor medida na Sociedade da Información. Houbo preguntas sobre Abalar (o programa para a dixitalización das aulas, que a comunidade escolar semella que desexa estender a tódolos cursos), sobre as orixes das telecomunicacións e do papel da muller no seu seo (que De Lorenzo situou no principio da humanidade), sobre se o sector das TIC é máis machista ca outros (coincidiuse en que é menos, en boa medida porque está nutrido de xente nova que rompe con estereotipos tradicionais que cómpre superar), sobre onde pode atopar traballo un enxeñeiro de Telecomunicacións (a xuízo dos presentes en tódolos sectores, xa que se trata dunha titulación moi transversal), sobre o soldo medio dun enxeñeiro (en liñas xerais ben pagados), sobre a cantidade de computadores que hai nas aulas galegas (agárdase chegar o ano que vén a máis de 44.000), sobre o papel das redes sociais na educación (que poden ser positivas, ben usadas, e así o certifican os proxectos da Universidade de Vigo para procurarlle a vertente máis eficaz e rendíbel).
Asemade, a comunidade escolar tamén amosou o seu interese sobre a porcentaxe que hai na nosa terra de mulleres traballando en postos de dirección ao abeiro das TIC, unha taxa que, coincidiuse, aínda deixa moito que desexar: do 15%. Houbo unanimidade á hora de traballar xuntas/os para amañar esta eiva, empresas, institucións, profesionais e centros escolares e de investigación.
Accións do COETG
Esta celebración enmárcase na axenda de actividades do COETG programadas con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Accións entre as que cómpre mencionar a publicación do xa tradicional Manifesto do Colexio Profesional, a conferencia que imparte o día 16 na Escola de Enxeñería de Telecomunicación (EET) de Vigo o profesor da universidade de North Carolina, Michael Devetsikiotis sobre o deseño de redes intelixentes o a publicación da primeira edición en liña da revista do COETG A Nosa Rede o xoves 17.
Os actos de celebración conclúen cunha visita ao aeroporto de Santiago para coñecer as súas infraestruturas de telecomunicacións o xoves día 24 e co xa tradicional V Concerto das Telecomunicacións que terá lugar o venres 1 de xuño no Museo de Belas Artes de A Coruña.

PUBLICIDADE