O COETG-AETG e Gradiant anuncian unha nova edición do seu galardón á mellor tese doutoral no eido TIC

mércores, 31 de xullo do 2013 Redacción

Javier González Castaño entregando o Premio Gradiant 2009 ao galardoado da primeira edición, Daniel González Jiménez

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) convocou unha nova edición do Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC 2013, patrocinado polo Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e que forma parte dos Premios Galicia Telecomunicacións e Sociedade da Información. Con este galardón, dotado con 2.000 euros, preténdese fomentar a realización de teses doutorais como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicábel ao sector tecnolóxico-dixital.
O premio entregarase no transcurso da XVIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. O recoñecemento en cuestión, como lembraremos, complementarase con outras distincións igualmente dirixidas a recoñecer o traballo ben feito en materia TIC, aínda que en diferentes vertentes. Así, ao Premio Gradiant cómpre engadir o Premio á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC e máis o Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador. O primeiro destes dous galardóns vén da man da Fundación Enxeñeiro Gerardo García Campos e está dotado con 6.000 euros, sendo o seu cometido achegar un impulso a aquelas empresas que están empezando a súa andaina. O segundo dos premios está convocado unha vez máis pola asociación INEO e diríxese a recoñecer o traballo das empresas cuxo labor constitúa un modelo para o mundo das novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE