O COETG-AETG dá a coñecer os seus premios á innovación galega no eido das telecomunicacións

venres, 30 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Edita de Lorenzo, directora da ETSE de Telecomunicación da Universidade de Vigo

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) entregarán os recoñecementos aos esforzos máis salientables dentro do sector do noso país no marco da XV Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebrará o vindeiro 3 de setembro no Hostal dos Reis Católicos de Santiago. Segundo informa a organización, entre as personalidades que este ano foron merecedoras dos Premios Galicia das Telecomunicacións atópase Edita de Lorenzo, directora da ETSE de Telecomunicación da Universidade de Vigo, quen recibirá o galardón de Enxeñeira do Ano, distinción promovida polo Colexio e máis a Asociación co fin de recoñecer o labor profesional dos enxeñeiros que traballan no noso país.
Asemade, cómpre sinalar que Andrea Penza, presidente da Federación de Enxeñeiros de Telecomunicación da Comunidade Europea (FITCE), convértese nesta convocatoria da Noite en Socio de Honra da AETG, recoñecemento que busca premiar as personalidades que máis salientan na promoción das novas comunicacións.
Polo que respecta ao Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, convocado para pór de relevo proxectos que teñan potencial de abondo para mellorar a calidade de vida da cidadanía, dicir que irá dar á empresa Bluemobility, responsable dunha rede intelixente de puntos de repostaxe para vehículos eléctricos (RIRVE).
A maiores de todo o devandito, farase entrega do Premio Ineo á Mellor Aplicación TIC, que desta volta irá dar a mans de Open Soft polo seu proxecto OS-NETBACK. A nova achega deste galardón, patrocinado pola dita asociación Ineo, recoñece as ferramentas e servizos deseñados dende Galicia que contribúan ao noso medre no mercado mundial.
Asemade, concederase o Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial TIC á empresa Eventyam, polo seu proxecto Seguridade Electromagnética.
O centro Gradiant tamén recoñecerá o labor da investigación galega concedéndolle a Rafael Asorey un galardón pola súa tese Contribución aos Sistemas de Distribución de Contidos en Redes Sen Fíos de Datos.

PUBLICIDADE