O CNTG organiza unha xornada sobre Seguridade da Información e Seguridade en Redes

luns, 15 de marzo do 2010 Raquel Noya

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, vén de anunciar que mañá martes, 16 de marzo, terá lugar nas súas instalacións, situadas en Santiago de Compostela, unha xornada sobre Seguridade da Información e Seguridade en Redes, un relatorio que servirá para que as persoas asistentes se formen, entre outras cousas, no relativo á protección de datos en liña de empresas e particulares.
A xornada, que durará unhas tres horas, contará coa presenza de Gabriel Fuster, actual responsable da formación e de calidade do programa Networking Academy en África, que conta cunha ampla experiencia neste eido.
O temario inclúe unha parte inicial que versará sobre o Sistema de Xestión da Seguridade da Información (SXSI), e continuará coa definición de activos e a análise de riscos por parte de Fuster. A última parte centrarase na definición e implantación de controis (Ciclo PDCA, seguridade en redes e controis de acceso, IPSec, VPN, ACL, Firewall e IDS/IPS).
A xornada, que dará comezo a partir das 16:30 horas, está especialmente dirixida a profesionais, desempregados ou ocupados, tanto do sector público como privado, que teñan responsabilidade ou exerzan ou orienten a súa actividade no ámbito da seguridade ou da administración de sistemas.

PUBLICIDADE