O CNTG organiza un seminario sobre routing en IPv4 con tecnoloxía de Cisco

martes, 11 de marzo do 2014 Redacción

O vindeiro 14 de abril, teremos no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia unha boa oportunidade para formarnos nas novas facianas que están a adquirir procesos que fan posíbel que nos conectemos a Internet: routing e switching, dous conceptos que designan as tecnoloxías que permiten aos dispositivos que están conectados á Rede comunicarse uns cons outros, así como con outras redes. A xornada, que abordará estes procesos dende a óptica da multinacional Cisco, celebrarase no salón de actos do CNTG en horario de 9.30 a 13.30. Trátase, máis polo miúdo, dun seminario técnico sobre as ditas tecnoloxías en IPv4 asociadas á nova versión Cisco CCNA routing & switching. No decurso da xornada farase tamén unha introdución a routing con Ipv6.
Segundo informa o CNTG, o marco xeral da sesión pretende trasladar aos/ás asistentes como é a configuración multiárea de OSPF (Open shortest Path First) abordada dende o punto de visto da devandita nova versión. A sesión comezará contextualizando a OSPF para, a seguir, describir a necesidade da existencia de múltiples áreas e as posibles solucións e funcionalidades ao respecto.
O relator da xornada será Javier Novoa, doutor en Informática pola Universidade de A Coruña onde é profesor do departamento TIC na área de Telemática e imparte as materias de Redes en Enxeñería Informática e Seguridade de Sistemas da Información no Máster de Enxeñería Informática. Javier Novoa é colaborador habitual do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e formador oficial do programa Cisco Networking Academy no que imparte cursos de CCNA routing & switching, CCNA security e CCNP. Posúe, entre outras, as certificacións de CCNA, CCAI, CCNA Security e CCNP.

PUBLICIDADE