O CNTG e CoreNetworks achegan en novembro un seminario técnico sobre Big Data e Hadoop

xoves, 17 de outubro do 2013 Redacción

Da man do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e a empresa CoreNetworks, socio oficial de formación Cloudera, o vindeiro día 6 de novembro, de 9:30 a 13:30 horas, terá lugar no salón de actos do CNTG un seminario técnico sobre introdución a Big Data e Hadoop. A xornada está deseñada para dar a coñecer as tecnoloxías clave deste software en concreto, trasladar aos asistentes como funciona HDFS MapReduce e introducir no desenvolvemento de aplicacións MapReduce. Este seminario diríxese sobre todo a desenvolvedores con coñecemento e algunha experiencia en linguaxes de programación, principalmente en Java e, en xeral, persoal técnico interesado en adquirir coñecementos sobre a materia. Non son precisos coñecementos previos en Hadoop.
Lembrar, para que non o saiba, que o concepto Big Data (grandes datos) é o termo que designa o conxunto de tecnoloxías e aplicacións de negocio que interveñen na captura, tratamento e análise de cantidades voluminosas de datos estruturados e desestruturados (blogs, redes sociais etc..) obtidos de diferentes fontes e polo regular en tempo real. Apache Hadoop, pola súa parte, é un software con aplicacións libres que achega soporte para o procesamento de todos os tipos de datos (estruturados, semiestruturados ou non estruturados) “e a posibilidade de ampliación aberta de Hadoop permite aos desenvolvedores enriquecelo con capacidades especializadas para unha ampla gama de aplicacións”, informa o CNTG. Por último, sinalar que Cloudera é un fabricante de software que fornece as certificacións asociadas a Big Data e Apache Hadoop.
O relator da xornada será Arnauld Delanoue, instrutor oficial de Cloudera. Segundo nos conta en detalle o centro de tecnoloxías compostelán, Arnauld Delanoue é enxeñeiro de informática e está en posesión, entre outras, das certificacións Cloudera Certified Developer for Apache Hadoop, Cloudera Certified Administrator, Cloudera Certified Specialist in Apache HBade (onde acadou a puntuación máis alta a nivel mundial) etc ... Actualmente é formador de Apache Hadoop para Europa e Latinoamérica.
O acceso ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local. O acceso ao salón de actos para aquelas persoas non inscritas estará condicionado á existencia de prazas libres o día de celebración do evento.

PUBLICIDADE