O CNTG acolle unha xornada sobre o software libre para profesionais e empresas TIC

xoves, 15 de abril do 2010 Redacción

O día 6 de maio, en horario de 16:30 a 20:00 horas, terá lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, unha xornada de achegamento ao software libre para profesionais e empresas TIC.
A xornada tratará de achegar aos asistentes a potencialidade do software libre e a capacidade das súas ferramentas. O evento estrutúrase en tres módulos diferenciados nos que, o primeiro deles, fará fincapé en aspectos relacionados coa legalidade (licenzas) e modelos de negocio asociados ao software libre, para, a seguir, módulos segundo e terceiro, centrarse en contidos relacionados co desenvolvemento e a administración de sistemas.
O evento está especialmente dirixido a persoal técnico, autónomos e/ou directivos de empresas TIC, tanto do sector privado como público, así como para o persoal desempregado técnico que teña interese na temática.
Os relatores que intervirán na sesión son:
- Roberto Brenlla: Economista, usuario de software libre dende 1997 (Linux Registred User #124437). Socio fundador e presidente de AGNIX ata xullo de 2006. Promotor do GNIX. Fundador e socio consultor de TEGNIX, empresa especializada en software libre. Dende xuño de 2009 ostenta a presidencia de AGASOL (Asociación de empresas galegas de software libre).
- Francisco Diéguez: Analista da oficina de SwL da USC. Conta coas seguintes certificacións: LPI-1, Zend PHP 5, Desenvolvedor MySQL: Certificado MSDEV II.Membro activo da comunidade de SwL en Galicia.
- Ã“scar Casal: Administrador de redes e sistemas no departamento de Electrónica e Computación da USC onde é responsable da instalación e mantemento dos equipos e servidores OpenLDAP, IS, Samba, NFS, firewalls, servidores web e de correo etc .. Posúe as certificacións LPI-3, ITIL, CCNA.
O acceso, previa inscrición a realizar en liña a través da web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local. O prazo de inscrición ao evento rematará o mércores día 5 de maio.

PUBLICIDADE