O CNTG acolle o 28 de febreiro unha xornada sobre Windows Azure como plataforma na nube

xoves, 24 de xaneiro do 2013 Redacción

O vindeiro 28 de febreiro, xoves, en horario de 9:30 a 17:30 horas, desenvolverase no salón de actos do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) unha xornada técnica sobre Windows Azure como plataforma de Computación na Nube, que servirá entre outras cousas para abordar en detalle as diversas alternativas de interoperabilidade existentes, é dicir, as posibilidades reais de traballarmos con distintas linguaxes de programación (Java, Node.js ou PHP) e distintos sistemas operativos (Linux, Mac). A xornada técnica vén da man de Ibon Landa, Unai Zorrilla e Luis Guerrero, membros da iniciativa Plain Concepts.
Abordarán, entre outras cousas, un achegamento básico á plataforma, as súas posibilidades con Linux, Java, Eclipse, PHP, SQL e outras linguaxes ou sistemas operativos. Na web de Plain Concepts achégansenos máis datos sobre a natureza desta actividade formativa e divulgativa.
A xornada, cóntasenos, parte da base de como se está a impoñer a Computación Nube como fonte de beneficios e vantaxes para as empresas, a nivel de aforro, adaptación a distintos códigos e dispoñibilidade. A partir de aí, farase fincapé no devandito Windows Azure como plataforma na nube, facendo fincapé na súa flexibilidade. O obxectivo desta primeira sesión será describir os principais servizos da plataforma, respondendo en detalle ás seguinte preguntas: Por que pode interesar para a miña empresa usar Cloud Computing? Con que nivel de servizo conto?, Que opcións teño se non traballo con tecnoloxías Microsoft etc?
Segundo avanzan dende Plain Concepts, “a plataforma Windows Azure dispón dun servizo de infraestrutura que permite de forma rápida e sinxela crear máquinas virtuais Windows e Linux”. Durante esta sesión, de feito, amosaranse as principais características da mesma e como é posible traballar desde un ecosistema Linux, tanto a nivel de cliente como de servidor.

PUBLICIDADE