O CNTG acolle o 15 de marzo unha xornada sobre seguridade das redes da información

venres, 26 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, emprazado no barrio de Conxo de Santiago, vai acoller o vindeiro 15 de marzo unha xornada sobre seguridade da información e nas redes. O contido desta acción formativa, que está previsto que comece ás 16.30 horas e se estenda ao longo de tres horas, incluirá unha parte inicial que xirará arredor do sistema de xestión da salvagarda dos datos, seguindo logo coa definición de activos e a análise de riscos para, finalmente, centrarse na explicación en detalle de diversas ferramentas e servizos de control. A asistencia ao evento, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é libre e de balde, unicamente condicionada ao aforo do local.
O prazo de formalizar a participación no dito curso, que contará con Gabriel Fuster (manager de NetAcad e responsable da formación e a calidade do programa Networking Academy en África) en labores de relator, estará aberto entre os días 26 de febreiro e 11 de marzo.
Segundo informa o CNTG, centro de investigación e divulgación dependente da Consellería de Traballo, a xornada estará dirixida sobre todo a profesionais que estean en situación de desemprego ou ocupados, tanto do sector público como privado, “que teñan responsabilidades ou exerzan ou orienten a súa actividade no eido da seguridade ou da administración de sistemas”, sinala o CNTG.

PUBLICIDADE