O CNTG acolle este sábado un encontro sobre a diversidade funcional nas canles da información

venres, 21 de outubro do 2011 Redacción

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia vai acoller este sábado, a partir das 11 da mañá, unha xornada sobre o tratamento informativo que se lle dá á cuestión da diversidade funcional. O acto, que se dirixe a fomentar entre os profesionais da comunicación (e tamén entre os lectores) diversos recursos e metodoloxías para desenvolver a cuestión da discapacidade, sen discriminacións e con puntos de vista integradores, vén da man da Secretaría Xeral de medios e o Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade en Galicia (CERMI-Galicia).
O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, e o presidente de CERMI-Galicia, Anxo Queiruga, serán os encargados de inaugurar o encontro, na que tamén participará a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, e no que a presentadora da TVG Irene Lamas actuará de condutora.
A iniciativa insírese na participación da Secretaría Xeral de Medios no Plan de Acción Integral para as persoas con diversidades funcionais 2010-2013 da Xunta, e responde “á necesidade de fomentar o trato da cuestión sen excepcionalidades e de que todos os profesionais do xornalismo tomen conciencia ao respecto”.
Participará como conferenciante o xornalista Juan Antonio Ledesma, presidente da Comisión de Imaxe Social da Discapacidade e Medios de Comunicación do CERMI estatal, e os asistentes recibirán unha Guía de Boas Prácticas sobre o tratamento da discapacidade, editada en formato de lectura doada e en braille.

PUBLICIDADE